O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, reuniuse esta mañá con representantes desta organización
Política Social repasa coa Fundación Emaús Vigo as actividades realizadas pola entidade ao longo do 2021
A Xunta achegou no último ano 123.000 euros á institución a través da orde de axudas a entidades e da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF
Este apoio permitiu a posta en marcha programas de inclusión sociolaboral, transición ao emprego ou de formación adaptada
Xunto coa asociación Provivenda, Emaús tamén pon en marcha o programa ‘Fogares’ orientado á inclusión residencial e que recibe outros 123.000 euros anuais
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, reuniuse esta mañá con representantes da Fundación Emaús Vigo para repasar as actividades realizadas pola entidade ao longo do último ano. Durante o encontro puxo en valor o seu labor para axudar na diagnose e protección das persoas en situación de soidade ou de exclusión.
O Goberno galego colabora coa Fundación Emaús Vigo para poñer en marcha programas de inclusión sociolaboral, transición ao emprego ou de formación adaptada. Ao longo do último ano achegou 123.000 euros a esta organización a través da orde de axudas a entidades e da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF.
Ademais, xunto coa asociación Provivenda, Emaús impulsa o programa Fogares, orientado á inclusión residencial e que recibe tamén 123.000 euros anuais. O director xeral sinalou que as actuacións postas en marcha por esta fundación permiten a inserción integral de todas as persoas en situación de vulnerabilidade.