A Xunta sinala o potencial dos cruceiros costeiros para posicionar Galicia como destino náutico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe con representantes da Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) na presentación online dos novos minicruceiros costeiros previstos para 2022 na ría de Ares-Betanzos e nos embalses de Castrelo de Miño e Frieira

A Xunta colaborará na posta en marcha de 36 cruceiros costeiros co obxectivo de promocionar as rías e ríos da comunidade como atractivo turístico internacional

Nava Castro destacou a capacidade do turismo náutico para diferenciar e desestacionalizar a oferta turística galega
 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou hoxe o potencial dos cruceiros costeiros para posicionar a comunidade Galicia como destino turístico de calidade a través do turismo náutico. Así o sinalou no workshop de presentación online das ofertas de cruceiros costeiros previstos para 2022, no marco da colaboración entre a Xunta e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+).

Xunto co presidente de AGAN+, Manuel Soliño, Nava Castro explicou que os 36 novos cruceiros costeiros levaranse a cabo nos ríos e rías galegas, sobre todo na provincia da Coruña e Ourense. A maioría -23 do total de 36- son de pequeno cabotaxe e duran menos dun día e os 13 restantes de gran cabotaxe prolónganse de 2 a 7 xornadas.

Trátase de minicruceiros costeiros que respectan a marca de calidade europea náutica NEA (Nautismo no Espazo Atlántico) aplicada a este tipo de rutas e itinerarios marítimos e fluviais con escalas. De feito, AGAN+ coordina neste proxecto desde 2016 apoiado pola Xunta, que nas súas cinco edicións mobilizou a máis de 6.000 persoas interesadas en descubrir a cultura náutica e fluvial de Galicia.

O Goberno galego destinou este ano 60.500 euros para colaborar na iniciativa co obxectivo de promocionar as rías e ríos da comunidade como atractivo turístico internacional convertendo a Galicia nun destino náutico, ao mesmo tempo, que se contribúe a reactivar este sector tras o impacto da covid.

O acordo inclúe a posta en marcha o próximo ano dos 36 cruceiros costeiros en novos destinos, en concreto no destino Ares-Betanzos da Coruña e nos embalses de Castrelo de Miño, en Ourense, e Frieira, no concello pontevedrés de Crecente.

Ademais, no marco desta colaboración desenvolveranse campañas de promoción online destes cruceiros con axencias de viaxes e nas redes sociais facilitando a súa comercialización desde a web www.nauticdestination.com e crearase un catálogo profesional dixital de rutas náuticas culturais acreditadas como cruceiros costeiros.


Nava Castro engadiu que o turismo náutico axuda a diferenciar a comunidade galego como destino turístico, a desestacionalizar a demanda e a captar novos fluxos turísticos que redunden positivamente nas economías locais. Nesta liña, incidiu no potencial deste tipo de turismo na comunidade, debido ás posibilidades de navegación durante todo o ano e a calidade das infraestruturas dos portos deportivos, moitos deles con bandeira azul e recoñecidos coa Q de Calidade Turística.
 

Imaxes relacionadas