A conselleira do Mar participou por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios

Galicia entrega argumentos ao Goberno central para defender melloras nunha proposta de cotas para 2022 que pon en risco case 400 empregos na comunidade

O Executivo galego xa remitiu ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e ao Goberno andaluz un informe elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela que calcula o impacto socioeconómico que terían na frota galega os recortes das posibilidades de captura suxeridos para a pescada, o xurelo e o peixe sapo

A rebaixa dos Totais Admisibles de Captura e cotas dos últimos anos ameaza máis de 700 empregos desde 2019 e 70 millóns de euros de facturación do sector, dos que a metade se perderían o próximo ano

Os maiores prexuízos corresponden á frota que captura a pescada, con caídas da facturación de preto de 60 millóns de euros e a perda de arredor de medio milleiro de empregos malia ser das frotas máis especializadas e selectivas

O segmento de frota máis afectado no caso do xurelo é o cerco, cos portos de Portosín, Malpica e Camariñas como os máis prexudicados, e no caso do peixe sapo o impacto afectaría principalmente á frota arrastreira de Vigo

Galicia xa entregou esta avaliación socioeconómica á Comisión Europea e agarda que sexa tido en conta no Consello de Ministros de Pesca da UE do próximo domingo e do luns para que na fixación dos TAC e cotas se teñan en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios preparatorio do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que comeza o domingo e no que se negociarán os Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas en augas comunitarias para 2022. Nel a titular de Mar expuxo a preocupación de Galicia ante unha proposta de recorte nas posibilidades de pesca dalgunhas especies que pon en risco arredor de 400 empregos na comunidade, unha ameaza que, sumada ás rebaixas de anos anteriores, afecta a máis de 700 postos de traballo.
A representante da Xunta trasladou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación os resultados dun informe encargado polo Executivo galego á Universidade de Santiago de Compostela que revela que os recortes propostos polos científicos e pola Comisión Europea para a pescada, o xurelo e o peixe sapo producirían unha caída na facturación da frota galega de case 34 millóns de euros só en 2022, unha cifra que subiría ata máis de 70 millóns no acumulado desde o ano 2019. Ademais, o Goberno galego entregou ao andaluz -que ostenta a representación das comunidades autónomas no próximo Consello de Ministros- este mesmo documento para que o sume ao traballo conxunto realizado co Goberno central na defensa dos intereses do sector diante da Comisión Europea.
A conselleira do Mar lamentou que na fixación das cotas de captura o Executivo comunitario adoita ter en conta unicamente os aspectos biolóxicos das especies, e non os socioeconómicos, malia que a Política Pesqueira Común (PPC) establece a necesidade de que haxa un equilibrio entre os tres eidos. Este estudo socioeconómico da USC, explicou Rosa Quintana, realiza esa estimación, polo que instou tanto ao Goberno central como ao andaluz a traballar co obxectivo de suavizar e mellorar as propostas da Comisión Europea e evitar o impacto que poden ter tanto na frota galega como nas doutras comunidades.
O informe entregado pola Xunta tanto ao Executivo do Estado como a Andalucía -e á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE), Charlina Vitcheva, nunha reunión mantida o pasado 30 de novembro- de cara ás negociacións do domingo e do luns en Bruxelas, mostra que o maior impacto se corresponde coa frota dedicada á captura de pescada, que vería como a súa facturación caería en máis de 23 millóns de euros en 2022 coa actual proposta de posibilidades de pesca. Cos recortes en anos anteriores, as perdas de ingresos desde 2019 ascenderían a preto de 60 millóns de euros e a destrución de emprego roldaría os 500 postos de traballo, dos que máis de 200 serían o próximo ano.
A titular de Mar lamentou ademais que as frotas máis especializadas e selectivas son as máis vulnerables a estas baixadas nas cotas, pois teñen unha maior dependencia dos recursos que capturan. No caso da pescada, as máis afectadas serían as de palangre e os volanteiros do Cantábrico Noroeste mentres que os portos máis prexudicados serían os de Celeiro e Burela, onde o 71% e o 42% respectivamente das súas descargas se corresponden con esta especie.

Xurelo e peixe sapo

Mentres, no caso do xurelo, a proposta de TAC e cotas para 2022 reduciría os ingresos da frota que captura esta especie en case 8 millóns de euros respecto a 2021 e en 7,3 millóns en relación con 2019 -pois houbo anos con incrementos de cotas- mentres que os empregos destruídos ascenderían a 126 só no próximo exercicio e 112 no acumulado desde 2019. En canto á frota máis afectada, sería a de cerco, con maior impacto nos portos de Portosín, Malpica e Camariñas, onde o xurelo concentra máis do 60% das vendas.
A proposta para o peixe sapo, subliñou Rosa Quintana, implicaría un descenso na facturación da frota que captura esta especie de 2,6 millóns de euros en 2022, unha cifra que sobe ata os 3,5 millóns se se teñen en conta os recortes nas posibilidades de pesca aplicados desde 2019. En materia de emprego ese impacto sería de medio cento de postos de traballo só o próximo ano e de máis dun cento no acumulado. No referente aos segmentos de frota e aos portos máis afectados, os prexuízos estarían moi concentrados na frota arrastreira de Vigo pois esta especie aporta máis do 23% das súas descargas e o 36% da súa facturación.
A conselleira do Mar rematou salientando que nas decisións sobre o sector pesqueiro deben terse en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais. Neste sentido, lembrou que medidas como os recortes de cotas teñen un importante impacto tanto no sector pesqueiro galego como no conxunto de Galicia pois 64 das 81 ramas de actividade da economía galega están vencelladas co ámbito marítimo-pesqueiro.

Imaxes relacionadas