A Xunta apoia o crecemento turístico do xeodestino Deza-Tabeirós coa implantación de sellos de calidade e accións de promoción exterior

O delegado territorial, Luis López, informa do convenio entre Turismo de Galicia e o GDR Terras de Pontevedra Norte xunto ao seu presidente e alcalde de Lalín, José Crespo, nunha visita á Casa con Encanto O Refuxio de Merza

As accións supoñen un investimento de máis de 21.000€ que se destinan principalmente á obtención das certificacións de calidade Sicted por aloxamentos rurais ou doutra índole e de establecementos con servizos turísticos

Vila de Cruces, 9 de decembro de 2021

A Xunta, a través da Axencia Turismo de Galicia, está a apoiar o crecemento turístico do Xeodestino Deza-Tabeirós coa implantación de sellos de calidade e co impulso das accións de promoción exterior dos oito concellos que conforman esta área turística.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou que esta vía de colaboración vén de artellarse a través dun convenio entre o Goberno galego e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Pontevedra Norte. Así, o representante autonómico detallou os detalles desta cooperación xunto ao presidente do GDR e alcalde de Lalín, José Crespo, nunha visita á Casa con Encanto O Refuxio de Merza, no Concello de Vila de Cruces, que está a xestionar este sello de calidade.

En virtude deste convenio, Turismo de Galicia vai financiar as accións de obtención e implantación de certificacións de calidade Sicted, cada vez máis demandadas polos clientes e diferenciais á hora de facer reservas, por parte de aloxamentos rurais ou doutra índole e de establecementos con servizos turísticos.

“O Xeodestino Deza-Tabeirós é unha auténtica potencia e ostenta o liderado do turismo rural en Galicia e ademais benefíciase do forte incremento dos visitantes que apostan polo interior e as paisaxes de monte e natureza no marco da pandemia, unha circunstancia que chegou para quedarse, polo que esta consecución dos sellos de calidade é fundamental para seguir reforzando este destino como diferencial, neste ámbito, dentro de Galicia”, explicou o representante autonómico.

Ademais, o convenio tamén contempla accións de promoción exterior co deseño e impresión de material turístico informativo, a presenza en certames do sector, como é o caso de Turexpo, e incluso a difusión fóra de España da Feira do Cocido, que é a única festa gastronómica con categoría internacional de todo o Estado. Ao abeiro deste acordo, está previsto que se invistan máis de 21.000 euros.

“O enorme traballo do sector turístico co apoio da Xunta está a permitir que Galicia sexa, agora mesmo, o destino de moda en España e Europa, algo que se produce pola mistura dos enormes atractivos que temos, a gran calidade dos servizos, a gastronomía, a seguridade sanitaria e o Xacobeo 2021-2022, pero precisamos redobrar esta cooperación para manter esta liña de éxito, que está a ser moi importante na reactivación no marco da crise sanitaria”, concluiu Luis López.

Imaxes relacionadas