A Xunta inicia os contactos para planificar o traslado dos órganos xudiciais á Cidade da Xustiza de Vigo
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantiveron hoxe un encontro para abordar o traslado das sedes actuais ao novo edificio xudicial
A Xunta comezou hoxe as reunións periódicas sobre a planificación do traslado dos órganos xudiciais a Cidade Xustiza de Vigo, nunha primeira toma de contacto para abordar os diferentes aspectos que implica o traslado do mobiliario e arquivos das sedes actuais da rúa Lalín e La Gota de Leche á nova sede xudicial.
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto con responsables e técnicos da Vicepresidencia Primeira mantiveron hoxe unha reunión co xuíz decano de Vigo, Germán Serrano; a fiscal xefa territorial de Vigo, Susana García-Baquero e o secretario coordinador provincial, José Tronchoni. E proximamente cos sindicatos manterase outra reunión na mesma liña que a de hoxe.
As obras están a piques de finalizar e atópanse na recta final co amoblamento das plantas. Cando rematen as obras, a Xunta solicitará, previsiblemente a finais de xaneiro, a licenza de primeira ocupación polo que nuns meses dará comezo o traslado dos xulgados segundo a programación que se acorde cos sectores implicados.
Na nova sede xudicial serán reubicados máis de 500 traballadores xudiciais dos 38 órganos, que terán a súa disposición unha escola infantil de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar. Nos seus 44.000 metros cadrados acollerá estas 38 unidades xudiciais, xunto coa Fiscalía de Área, as 2 seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga).
Trátase da infraestrutura xudicial máis importante de Galicia na que a Xunta investiu máis de 42 millóns de euros e que suporá culminar o Plan de Infraestruturas xudiciais, posto en marcha no 2009 dotado con máis de 118 millóns de euros.