A Xunta financia a construción dunha senda peonil na contorna do Camiño Francés en Renche, no concello de Samos

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, explica que a Axencia de Turismo de Galicia destina 14.500 euros a acondicionar o paseo e dotalo de iluminación con cargo á orde de axudas de Infraestrutura Turística

A Administración autonómica achega case 800.000 euros para apoiar 28 proxectos na provincia de Lugo a través da convocatoria deste ano
 

Samos (Lugo), 8 de decembro de 2021

A Xunta de Galicia financia con 14.500 euros a construción dunha senda peonil no núcleo samonense de Renche, situado nas inmediacións do Camiño Francés e integrado no itinerario da EuroVelo 3, a ruta ciclista de peregrinación ata Compostela.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, explica que a Axencia de Turismo de Galicia subvenciona o 100% do investimento con cargo á orde de axudas a concellos de menos de 10.000 habitantes para accións de mellora de infraestruturas turísticas.

A actuación consistiu na execución dun camiño peonil anexo á marxe dereita da estrada LU-633 no acceso ao lugar de Renche, onde está a igrexa parroquial e outros servizos de interese.

Proxectouse unha senda de zahorra artificial cunha anchura de 1,15 metros. Para protexer aos viandantes de posibles caídas colocouse un valo de madeira. Así mesmo, reforzouse a iluminación coa instalación de farolas ao longo do paseo, das mesmas características que as que había na contorna.

Arias destacou que a actuación ten por obxecto “acondicionar un lugar de paso máis seguro e cómodo para os peregrinos e para toda a veciñanza, xa que evitará que os peóns teñan que desprazarse por unha marxe da propia estrada”.

O delegado salientou que esta orde de axudas da Xunta ten por obxecto “seguir consolidando a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor das súas infraestruturas”. Apuntou que a través da última convocatoria a Administración galega financia 28 actuacións noutros tantos concellos da provincia de Lugo, con achegas que suman preto de 800.000 euros.
 

Imaxes relacionadas