O Bono eléctrico da Xunta tivo este ano en Lugo 618 beneficiarios que percibiron 204.000 euros en axudas

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a medida ten por obxecto evitar os cortes de subministración nos fogares con máis dificultades

Lugo, 8 de decembro de 2021

As axudas do Bono eléctrico da Xunta chegaron este ano a 618 fogares da provincia de Lugo, que percibiron achegas por unha contía total de 204.300 euros.

Así o explicou o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, quen explicou que os apoios alcanzan o 50% da factura eléctrica correspondente á vivenda habitual do solicitante e teñen unha contía máxima anual de 300 ou 450 euros –no caso de familias numerosas–.

O obxectivo é que esta cantidade, unida ás axudas estatais, permita que as familias con máis dificultades non teñan que pagar pola súa factura eléctrica, garantindo o acceso continuado á subministración nos fogares máis vulnerables, pois non se lles pode cortar o servizo mentres sexan beneficiarios desta liña de apoios.

Con esta medida, adaptada á normativa estatal, a Xunta segue fiel ao seu compromiso coas familias máis desfavorecidas que non contan coa posibilidade de facer fronte ás súas facturas dunha necesidade tan básica como é a enerxía eléctrica.