O Sergas inicia a instalación dun novo acelerador lineal no Hospital Meixoeiro que funcionará a comezos de ano

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou que a Xunta xa investiu no Hospital do Meixoeiro máis de 22 millóns desde a posta en marcha do Álvaro Cunqueiro

Este acelerador é o último dos dez financiados pola Fundación Amancio Ortega

Vigo, 7 de decembro 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou hoxe o Hospital do Meixoeiro, para comprobar os traballos de instalación dun novo acelerador lineal destinado ao tratamento de pacientes oncolóxicos neste centro da rede sanitaria pública galega. Tal e como sinalou o conselleiro, os traballos de ensamblaxe e instalación durarán ata finais de mes, data na que fará as súas primeiras probas. Polo tanto, -incidiu García Comesaña-, a comezos do ano que vén entrará en funcionamento o que é xa o último dos equipos dun contrato adxudicado no ano 2015 para a adquisición e instalación de dez aceleradores lineais nos servizos de radioterapia e a actualización de dous equipos xa existentes.
Este contrato, -subliñou o conselleiro-, recibiu o financiamento da Fundación Amancio Ortega, por un importe de 14,5 millóns de euros, e grazas ao mesmo, 27.400 pacientes con 55 tipoloxías diferentes de enfermidades oncolóxicas foron tratados con estes equipos aos que agora se une este décimo acelerador. Este acordo serviu, tamén, para financiar a instalación de 16 mamógrafos que realizaron, entre 2015 e 2020, un total de 294.708 mamografías.

Investimentos para Vigo

Na visita, na que o conselleiro estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, e polo xerente da área sanitaria, Javier Puente, o titular da carteira sanitaria destacou que, nos orzamentos para 2022, contémplanse máis de 90 millóns para renovación de equipamento tecnóloxico dos hospitais do Sergas. Así, hai seis millóns para renovar ecógrafos, e o Executivo galego acaba de adxudicar, por preto de 90.000 euros, o contrato para dous novos destes aparellos destinados ao Servizo de Xinecoloxía de Vigo, e están licitados, tamén para esta área, un ecógrafo para o Servizo de Urxencias e sete para os Servizos de Radiodiagnóstico.
Contémplanse, así mesmo, 26 millóns para equipamento dos bloques cirúrxicos, onde o Sergas vai renovar tanto estacións cirúrxicas como mesas, lámpadas ou torres de laparoscopia.
O departamento sanitario galego tamén vai seguir introducindo equipos de cirurxía robotizada como o robot Da Vinci, que xa está funcionando no Hospital Álvaro Cunqueiro, e conta con 60 millóns captados da convocatoria de fondos europeos e, deste xeito, renovar equipos de alta tecnoloxía, o que vai supoñer para Vigo a renovación de catro TACs no Cunqueiro e un no Meixoeiro, unha resonancia no Cunqueiro e outra no Meixoeiro, dúas salas de hemodinámica e un equipo de anxioloxía vascular no Cunqueiro, así como un reforzo importante no servizo de Medicina Nuclear no Meixoeiro, renovando tres gammacámaras e o PET.
Para rematar a súa intervención, García Comesaña destacou que a Xunta xa investiu no Hospital do Meixoeiro máis de 22 millóns desde a posta en marcha do Álvaro Cunqueiro; o que o convirten nun hospital máis eficiente, máis confortable e cada vez mellor equipado. En concreto, cómpre lembrar que as áreas de medicina nuclear, mama e radioloxía do Meixoeiro xa recibiron un investimento de máis de catro millóns; outros sete millóns foron para a obra das envolventes térmicas que acaba de rematarse, e outros catro, para a climatización dos andares de hospitalización, que acaba de comezar.

Imaxes relacionadas