A Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego

Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de ata 8 metros e vento de compoñente oeste a noroeste no noroeste de A Coruña e Lugo

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese
 

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2021

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a partir desta noite dará comezo un fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa que afectará durante toda a xornada de mañá a toda a costa galega con mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 7 metros aumentado de 6 a 8 metros ademais de vento de compoñente oeste a noroeste no noroeste da Coruña e Lugo.

Ademais, desde mañá pola mañá e durante toda a xornada tamén haberá alerta amarela por nevaradas nas zonas de montaña de Lugo e Ourense. No caso de Lugo por acumulación de 10 centímetros en 24 horas a partir de 700 metros de altitude, e en Ourense de 5 centímetros desde os 800 metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións .Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.