A Xunta impulsa con 2,2M€ a formación especializada e a modernización da industria forestal

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de publicar no Diario Oficial de Galicia as axudas das que se benefician 22 empresas e 11 organizacións do sector

A través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) concedéronse este ano apoios por 13,5 millóns de euros para beneficiar toda a cadea de valor, desde a primeira transformación da madeira ao contract

Santiago de Compostela, 6 de decembro de 2021

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a concesión de axudas por 2,2 millóns de euros que mobilizarán 5,6 millóns na formación especializada dos profesionais do sector forestal e a realización de investimentos na segunda transformación da madeira e do contract.

Así, por unha banda concedéronse apoios por máis de 1,9 millóns de euros que permitirán mobilizar máis de 5,3 millóns mediante a liña de axudas para actuacións de valorización, potenciación, innovación e mellora das pequenas e medianas empresas da industria forestal de Galicia, da segunda transformación e do contract. Benefícianse destes apoios un total de 22 empresas, que desenvolverán investimentos que teñen como obxectivo aumentar a produtividade ou a implantación de técnicas que permiten obter novos produtos ou produtos valorizados. Tamén se conceden apoios para a posta en marcha de procesos que favorecen a minoración do impacto ambiental, dirixido especificamente aos procesos produtivos da segunda transformación da madeira. A porcentaxe de axudas é do 50% dos investimentos realizados, ata un máximo de 200.000 euros por beneficiario.

Ademais, tamén se resolveron apoios por máis de 320.000 euros para a realización de accións formativas, coas que se financian nove proxectos organizados por once asociacións sen ánimo de lucro representativas da cadea de valor forestal e fundacións de interese xeral con relación directa con este eido.

En total, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), concedeu este ano axudas por máis de 13,5 millóns de euros co obxectivo de impulsar a modernización e innovación de toda a cadea de valor da industria forestal, potenciando tamén a formación dos profesionais deste ámbito.
Así, ás dúas ordes cuxa resolución vén de publicarse no DOG súmase a convocatoria para apoiar os investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais, cofinanciada con fondos Feader. Mediante esta convocatoria concedéronse apoios cunha contía de 11,26 millóns de euros, o que permite mobilizar máis de 29 millóns de euros. As axudas aprobadas benefician a 116 microempresas e pemes do sector forestal radicadas en zonas rurais de Galicia.
O obxectivo conxunto destas axudas é contribuír á consolidación das pemes que conforman este sector industrial, o que lles permitirá ser máis competitivas e apostar por procesos de produción con menor impacto ambiental, o que á súa vez contribuirá á xeración no eido rural tanto de valor económico como de emprego especializado e de calidade, fomentando a fixación de poboación. Enmárcanse na Axenda da industria forestal, unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade.

Imaxes relacionadas