Política Social promove o coñecemento da astronomía entre a mocidade en Forcarei co programa Outono Xove

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitaron os participantes nesta iniciativa

Forcarei (Pontevedra), 4 de decembro de 2021

O observatorio astronómico de Forcarei acolle esta fin de semana unha das actividades do obradoiro Ceos de música e tradición, que se celebra no campamento xuvenil de Pontemaril, no marco do programa Outono Xove da Xunta de Galicia. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, que visitou hoxe os participantes na última quenda desta actividade, explicou que a finalidade desta iniciativa é ofrecer á mocidade galega actividades formativas e de ocio máis aló do verán. Na visita tamén participou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

Con este obradoiro, os participantes tiveron a oportunidade de descubrir o funcionamento deste observatorio e, especialmente, o ceo nocturno e as súas marabillas: corpos celestes, os planetas do sistema solar, estrelas e constelacións. Ademais desta velada astronómica, a proposta de Ceos de música e tradicións inclúe outros obradoiros de baile, música e instrumentos tradicionais. Os participantes nestas actividades conviven durante a fin de semana no campamento xuvenil de Pontemaril.

Cristina Pichel lembrou que Outono Xove conta cun amplo catálogo de actividades que se vertebra en oito proxectos diferentes que se están a desenvolver noutras tantas instalacións e para as que se ofertaron un total de 1100 prazas. Ademais explicou que se dividiron aos participantes en dous tramos de idade, un de 14 a 17 anos e outro grupo de 18 a 30 anos.

Esta nova iniciativa desenvólvese en albergues e campamentos xuvenís, así como na Residencia de Tempo Libre do Carballiño. En cada unha destas instalacións da rede autonómica ofrécese un máximo de sete quendas de fin de semana entre os meses de outubro e decembro.

Outras actividades

O programa inclúe actividades tamén no Albergue Xuvenil de Gandarío, onde se celebra a actividade Unha finde de lenda; os participantes que acudan ao das Sinas desfrutan da iniciativa Amar_Xuventude, desde unha perspectiva medioambiental; e o albergue Marina Española acolle o obradoiro Cine Rally.

Pola súa banda, o albergue xuvenil Benigno Quiroga, de Portomarín, acolle o programa Facendo Camiño; o Lug2 de Lugo pon a tecnoloxía ao alcance da xuventude con Aventura lug 2.0; a residencia de Tempo Libre do Carballiño é a sede da proposta NaturezArte; e o Campamento A Devesa de Ribadeo albergará Mar e cultura na Mariña.

O programa inclúe aloxamento en albergue xuvenil ou residencia de tempo libre, polo que se achega manutención completa desde a noite do venres ata o domingo pola mañá. A cota de participación é de 25 euros. Por ser membro de familia numerosa ou monoparental e por ser titular do Carné Xove, sempre e cando a tarxeta estea debidamente activada, aplicarase un desconto do 25% sobre o prezo.