A Xunta acorda co Goberno central adiantar parte dos fondos europeos para a modernización da administración da xustiza

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe na conferencia sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas

Galicia recibirá neste ano preto de 2,6M€ dos fondos Next Generation para executar en 2022 melloras das infraestruturas tecnolóxicas dos órganos xudiciais, xunto co desenvolvemento de proxectos de ciberseguridade e de sistemas de conversión de audio a texto

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2021

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, participou hoxe por videoconferencia nunha reunión da Conferencia Sectorial de Xustiza entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas, na que se acordou, entre outros asuntos, adiantar neste mesmo ano parte dos fondos europeos asignados polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no Ministerio de Xustiza para a súa execución o próximo ano.

No encontro confirmouse que Galicia recibirá 2,6 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation para a aplicación na administración xudicial, no marco do coñecido como Proxecto Cero. En concreto, investiranse en melloras da infraestrutura tecnolóxica e na posta en marcha de proxectos de ciberseguridade e de textualización para transcribir a texto actuacións gravadas en audio.

O reparto dos fondos entre as comunidades autónomas acordouse en base, sobre todo, ao número de asuntos que manexa cada xulgado. Tamén se tiveron en conta criterios como a dispersión da poboación ou parámetros como o grado de pendencia, o número de funcionarios e partidos xudiciais ou a densidade de poboación.

O director xeral de Xustiza explicou que a partida de 2,6 millóns de euros correspondente a Galicia asignarase neste mesmo exercicio e executarase en 2022 tras a aprobación da distribución por comunidades por parte do Consello de Ministros e a súa posterior publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE).

As actuacións que se planifiquen neste ámbito en Galicia formarán parte da folla de ruta da Xunta para axilizar e modernizar a Administración de Xustiza na comunidade. Nesta liña, trala execución dos 2 primeiros Plans Senda, nos que o Goberno galego investiu preto de 50 millóns de euros nos últimos anos, comezará a aplicarse un novo Plan Senda 21-25 co que seguir a consolidar e actualizar a dixitalización da xustiza galega.

Así, xa no 2022 rematará a dixitalización de tódalas salas de vistas coa implantación de sistemas de videoconferencia en todos os xulgados galegos, que permitirán un funcionamento integramente dixital mediante a exhibición do expediente dixital e a incorporación da gravación da vista ao expediente xudicial.

No encontro de hoxe, abordáronse outras cuestións como a modificación do programa conxunto de reformas estruturais do servizo público de xustiza, atendendo á petición de comunidades como Galicia para flexibilizar os prazos de execución de distintas reformas como as relacionadas cos anteproxectos de eficiencia procesual, dixital e organizativa.

Imaxes relacionadas