A Xunta concede 1,2M€ a preto de 200 comerciantes e obradoiros artesanais da comarca de Santiago para impulsar a dixitalización e modernización dos seus negocios

Os apoios económicos da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa a Innovación diríxense ao desenvolvemento de actuacións entre as que se inclúen implantación e actualización de páxinas web, mellora da imaxe dixital, introdución de ferramentas de marketing 4.0 e loxística dixital

Enmárcanse nas liñas de axudas do Goberno galego que teñen como obxectivo que o sector comercial poida adaptarse aos novos hábitos de consumo como o comercio electrónico e a outras canles de comercialización como as redes sociais, o que se traduce nunha maior competitividade e aumento das vendas

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o Hiper Calviño, un dos establecementos beneficiados pola orde de axudas dirixidas a impulsar a estratexia dixital e a modernización do sector comercial e artesán na nosa Comunidade. En concreto, concedéronse máis de 1,2 millóns de euros a un total de 193 comerciantes e obradoiros artesanais da comarca de Santiago que mobilizarán 1,5M€.
Por concellos Santiago de Compostela conta con 115 beneficiarios, Ames con 24, Ordes co 15, Melide con oito, Santa Comba con sete, Arzúa e Teo con catro, Negreira e Oroso con tres, Padrón con dúas e A Baña, Boqueixón, Dodro, O Pino, Rois, Trazo. Val do Dubra e Vedra cun beneficiario.

As axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación contan con dúas liñas: unha destinada á dixitalización comercial que contempla actuacións, entre as que destacan a implantación dun xestor de redes socias, a creación de páxinas web con venda en liña, a realización de publicidade en medios dixitais, así como a mellora da imaxe dixital. Tamén se concederon apoios para márketing 4.0, loxística dixital ou participación en feiras dixitais. A segunda liña, está destinada á adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal como maquinaria e ferramentas que melloren o deseño e calidade do produto final.

Estas axudas enmárcanse nas medidas que a Xunta de Galicia está adoptando co obxectivo de que o sector comercial poida adaptarse aos novos hábitos de consumo, como o comercio electrónico, así como a outras canles de comercialización, como as redes sociais, o que se traduce nunha maior competitividade do sector e un aumento das súas vendas.

Neste sentido, e co obxectivo de seguir dinamizando o sector, a Xunta de Galicia destinou outros 3,8 millóns de euros en programas destinados aos centros comerciais abertos e prazas de abastos, ao tícket de dinamización comercial, ao fomento da artesanía, así como á creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios do medio rural para potenciar as vendas dos nosos produtores máis aló do formato físico e o seu posicionamento no entorno dixital.

Imaxes relacionadas