A Xunta avoga pola cooperación cos concellos no desenvolvemento dunha enerxía eólica compatible coa protección do medio ambiente e o sector primario

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe unha xornada coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)

Recorda que a lei de medidas dos orzamentos de 2022 establecerá unha moratoria de 18 meses para poder tramitar os 275 expedientes que o Goberno galego ten agora mesmo sobre a mesa e que suman 7200 MW

A Administración autonómica está a impulsar ferramentas para levar a cabo un desenvolvemento eólico ordenado como a rede de información provincial de proxectos, unha guía divulgativa da tramitación e unha oficina de información a propietarios de terreos
 

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe durante unha reunión coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a necesidade da cooperación institucional entre a Administración autonómica e os concellos no desenvolvemento da enerxía eólica, buscando que sexa compatible coa protección do medio ambiente e das actividades do sector primario.

Así, co obxectivo de realizar unha planificación ordenada que permita achegar seguridade xurídica aos proxectos eólicos e respectar o medio natural, a Xunta, a través da lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos do 2022, establecerá a partir do próximo mes de xaneiro unha moratoria de 18 meses para poder tramitar os 275 expedientes que ten agora mesmo sobre a mesa e que suman 7200 MW.

Esta norma incluiría aos proxectos de tramitación autonómica –parques de menos de 50 MW–, exceptuando aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello. Ao mesmo tempo, non impedirá a modificación dos proxectos xa admitidos a trámite.

Na mesma liña, Conde recordou na xuntanza de hoxe que a lei de medidas tamén acorda unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos de poboación, pasando dos 500 metros actuais a unha distancia que se calculará multiplicando por cinco a altura do aparello; é dicir, nun eólico de 200 metros, a distancia con respecto ás vivendas será dun quilómetro.

“Todos os proxectos que se poidan levar a cabo en Galicia seguirán contando con todas as garantías técnicas, xurídicas e ambientais, e cumprindo a máxima de que tramitar non é o mesmo que autorizar”, destacou Conde, ao mesmo tempo que lembrou a imposibilidade de implantar parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico, así como nos espazos da Rede Natura.

Actuacións en marcha

Dentro deste obxectivo de levar a cabo un desenvolvemento eólico ordenado, a Xunta está a impulsar tamén ferramentas de transparencia, colaboración institucional e información destinadas aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas.

Un exemplo destas iniciativas é a rede de información provincial de proxectos eólicos, que permite que antes de proceder á exposición pública dos proxectos priorizados, se poida dar información de primeira man aos concellos nos que se teñan previsto implantar. Ademais, o Goberno galego preparou unha guía divulgativa da tramitación dun proxecto eólico que se pode atopar na web da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, co ánimo de mellorar a información aos cidadáns sobre o proceso de tramitación dos parques eólicos.

Neste sentido, púxose en marcha unha oficina de información a propietarios de terreos para facilitarlles a información precisa sobre o método e os criterios de valoración dos terreos afectados, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo –pódese contactar con este servizo a través do teléfono 881 122 908 ou no correo infoeolicos-propietarios.enerxia@xunta.gal–.

Axilidade na administración

Na xuntanza de hoxe, Francisco Conde tamén fixo referencia á nova Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que entrou en vigor este ano para que os concellos poidan axilizar a aprobación de licenzas coas mesmas garantías xurídicas e técnicas a través das entidades de certificación de conformidade municipal (ECCOM), favorecendo así a liberación de carga administrativa.

A norma establece un prazo xeral de tres meses para emitir informes vinculados á Administración autonómica; aplica o silencio administrativo positivo; amplía os supostos de iniciativas empresariais prioritarias e proxectos industriais estratéxicos tendo en conta as propostas que sexan seleccionadas para optar aos fondos europeos; e recolle esta figura para os proxectos de xeración eléctrica a partir de renovables cando estean vencellados ao autoconsumo industrial.
 

Imaxes relacionadas