Xunta e TSXG visitan as obras da Cidade da Xustiza que xa entran na recta final

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda destacou que con esta obra está a piques de culminar o Plan de Infraestruturas Xudiciais, posto en marcha polo Goberno galego, dotado con máis de 118M€

A nova infraestrutura unificará nun só edificio os órganos xudiciais da cidade, ao acoller nos seus 44.000 metros cadrados 38 unidades xudiciais e máis de 500 traballadores

A previsión é poder solicitar a licenza de primeira ocupación a finais de xaneiro
 

Vigo, 30 de novembro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda e presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, visitaron esta mañá as obras da Cidade da Xustiza, que están xa a piques de finalizar e na recta final co amoblamento das plantas.

Á visita tamén asistiron a secretaria de Goberno TSXG, Concepción Otero; o Presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra, Javier Menéndez Estébanez; o decano Xuíz de Vigo, Germán Serrano; e o director Xxeral de Xustiza ,Juan José Martín. Ademais do arquitecto da obra, Alfonso Penela quen fixo unha explicación pormenorizada do estado actual da obra de rehabilitación do antigo Hospital Xeral.

Na nova sede xudicial serán reubicados máis de 500 traballadores xudiciais dos 38 órganos, que terán a súa disposición unha gardería de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar.

Cando rematen as obras, a Xunta solicitará previsiblemente a finais de xaneiro a licenza de primeira ocupación e dará comezo co traslado tan pronto sexa concedida polo concello, polo que nuns meses dará comezo o traslado dos xulgados á infraestrutura xudicial máis importante de Galicia, coa que está a piques de culminar o Plan de Infraestruturas xudiciais, posto en marcha no 2009 dotado con máis de 118 millóns de euros.

Alfonso Rueda puxo en valor a aposta da Xunta por Vigo e de aí a importante inversión nesta gran obra, mais de 42 millóns de euros para que este edificio volva a ter uso e agora arranque como a gran sede xudicial que Vigo e comarca precisa.

A Cidade da Xustiza unificará nun só edificio os órganos xudiciais da cidade, ao acoller nos seus 44.000 metros cadrados 38 unidades xudiciais xunto coa Fiscalía de Área, as 2 seccións da Audiencia Provincial e a subdirección do Instituto de Medicina Legal (Imelga). En total, trasladaranse máis de 500 traballadores da Administración de Xustiza, que terán a súa disposición unha gardería de 41 prazas para facilitar a súa conciliación laboral e familiar.
 

Imaxes relacionadas