A Xunta colabora co concello de Pontecesures na mellora do parque infantil Vicente Moure

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe os traballos financiados no marco da Orde de Infraestruturas de uso público cunha axuda de preto de 34.000 euros

A través desta liña de axudas, o Goberno galego inviste na convocatoria deste ano 4M€ para 125 actuacións relacionadas coa dotación de equipamento e a mellora das instalacións destinadas á prestación de servizos municipais
 

Pontecesures (Pontevedra), 30 de novembro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta, Luis López, comprobou hoxe os traballos realizados no Concello de Pontecesures para a mellora do parque infantil Vicente Moure, actuación coa que a Xunta colabora cunha achega de preto de 34.000 euros no marco da Orde de Infraestruturas de uso público.

Natalia Prieto indicou que, con esta actuación, preténdese a mellora dun dos parques infantís con máis uso do municipio nun concello cunha numerosa poboación infantil que precisa de espazos de ocio para a práctica de actividades ao aire libre.
O parque infantil Vicente Moure, ademais de atoparse nun lugar moi céntrico ao lado da casa consistorial, conta cun arborado moi axeitado para os meses de calor, de aí que sexa uno dos máis socorridos. Pero a súa pavimentación non é a máis axeitada, xa que non permite que medre o céspede e, co mal tempo, son habituais as lameiras.
O Concello de Pontecesures acordou cambiar o pavimento por outro máis axeitado e fíxoo da man da Orde de Infraestruturas de uso público, pola que a Xunta colabora con preto de 34.000 euros para esta actuación.
Na convocatoria actual desta liña de axudas, a Xunta investiu 4 millóns de euros para financiar 125 proxectos como o que visitou hoxe a directora xeral de Administración Local. O investimento da Xunta desde 2009 na Orde de Infraestruturas de uso público supera os 40,6 millóns de euros e permitiu executar máis de 1.300 iniciativas dos concellos galegos coas que mellorar a calidade de vida da veciñanza.
Entre esta liña de axudas e o Fondo de Compensación Ambiental (FCA) co que se financian melloras ambientais nos municipios galegos, a Xunta destinou nos últimos anos máis de 148 millóns de euros a 3.681 proxectos co obxectivo de contribuír a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

O Concello de Pontecesures recibiu nos últimos anos máis de 400.000 euros destas liñas de axudas, o que permitiu, entre outras actuacións, levar a cabo obras de saneamento, equipar ao municipio de maquinaria e vehículos para o coidado do medio ambiente, atender as necesidades de ocio dos máis cativos ou mellorar os edificios municipais.
 

Imaxes relacionadas