A Xunta instrúe os técnicos dos seus centros de coordinación de extinción no marco do Plan de formación do servizo antiincendios galego

A iniciativa, que se desenvolve entre este mes e o que vén, céntrase no estudo das situacións sinópticas previas ao inicio do incendio, na análise dos parámetros do comportamento do lume e nas estratexias precisas para lograr a súa extinción

Conta coa participación de especialistas técnicos das administracións autonómicas de Galicia, Cataluña, Castela-A Mancha e Andalucía, dos gobernos español e portugués e das universidades de Santiago de Compostela e Vigo

A acción inclúese no Plan de formación para o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia 2021-2024, que contempla impartir preto de 230.000 horas lectivas a case 3.000 traballadores

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021

A Consellería do Medio Rural está a instruír, entre este mes e o que vén, os técnicos dos seus centros de coordinación de extinción no marco do Plan de formación para o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia 2021-2024. Así, na Academia Galega de Seguridade Pública da localidade pontevedresa da Estrada deu comezo estes días unha formación técnica para a análise de lumes, que busca mellorar as operacións de extinción na nosa comunidade.
A formación está a contar coa participación de especialistas técnicos das administracións autonómicas de Galicia, Cataluña, Castela-A Mancha e Andalucía. Tamén estarán presentes profesionais dos gobernos de España e de Portugal e das Universidades de Santiago de Compostela e de Vigo.
A iniciativa está centrada no estudo das situacións sinópticas previas ao inicio do incendio, na análise dos parámetros do comportamento do lume e nas estratexias e tácticas precisas para acadar o éxito das operacións de extinción con criterios de eficiencia e eficacia. Así, os relatores especialistas abordarán as distintas cuestións técnicas e achegarán diferentes solucións segundo a experiencia do seu propio dispositivo. Nesa liña, o obxectivo da formación é actualizar e tratar os principais aspectos técnicos teóricos e prácticos das tarefas de análise de incendios forestais.

Plan de formación

Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, ten previsto impartir preto de 230.000 horas lectivas a case 3.000 traballadores no marco do seu Plan de formación para o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia 2021-2024.
A esta formación que recibirá o dispositivo hai que engadir as iniciativas previstas para a actualización e o adestramento continuo do persoal antiincendios, así como accións dirixidas aos concellos e á poboación do rural co obxectivo global de reforzar a anticipación, a extinción e a investigación dos lumes forestais en todo o territorio galego.

Imaxes relacionadas