O presidente do Goberno galego participou esta mañá na inauguración da XXVI Reunión Plenaria da Fundación Círculo de Montevideo: el mundo en pandemia

Feijóo refírese a Galicia como exemplo do reformismo tranquilo, “motor de cambio imparable durante estas catro décadas”

Diante da necesaria transformación dos modelos produtivos, incide na necesidade dunha transición xusta, “sen precipitarnos nos tempos das reformas e sen deixar miles de postos de traballo polo camiño”

Salienta que asumir que a Covid chegou para quedarse máis tempo do que cabía esperar, impacta directamente sobre o deseño dos sistemas de saúde e de atención social e, por tanto, nas prioridades de gasto dos próximos anos

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe a Galicia como un exemplo do reformismo tranquilo, “motor de cambio imparable durante estas catro décadas”.

“A Galicia europea superou o mito do atraso. A Galicia Constitucional desatendeu as tentacións populistas e divisorias doutros territorios para centrar os seus esforzos nun desenvolvemento económico, social e institucional. E a Galicia autonómica logrou pasar de ser unha terra de emigrantes a unha terra de acollida e retorno”, recordou, durante a súa participación no acto de inauguración da XXVI Reunión Plenaria da Fundación Círculo de Montevideo: el mundo en pandemia.

Ao longo da súa intervención, na que fixo referencia a algunhas das cuestións obxecto de debate destas xornadas, Feijóo salientou que a Covid-19 foi o maior desafío ao que nos enfrontamos na época recente, poñendo a proba a gobernanza de todos os países. Foi un test de estrés dos servizos sanitarios, dos sistemas de atención social e da capacidade de apoio aos sectores máis afectados polas restricións; tensou as costuras de todas as economías, e deixou en evidencia as fraxilidades e fortalezas dunhas empresas que, dun día para outro, viron como o paradigma no que vivíamos se derrubaba.

Así mesmo, resaltou que o mundo actual afronta mudanzas inaprazables, como a necesaria transformación dos modelos produtivos. “Camiñamos cara a economías máis verdes, máis dixitais e sostibles”, precisou, facendo fincapé na necesidade dunha transición xusta, “sen precipitarnos nos tempos das reformas e sen deixar miles de postos de traballo polo camiño”. “A transición só será xusta se é respectuosa coas economías tradicionais e chega acompasada aos tempos nos que se produce”, matizou.

Nesta mesma liña, recoñeceu que asumir que a Covid chegou para quedarse máis tempo do que cabía esperar, impacta directamente sobre o deseño dos sistemas de saúde e de atención social e, por tanto, nas necesidades de investimento público e nas prioridades de gasto dos próximos anos.

Diante dos novos paradigmas, o presidente da Xunta avogou tamén pola adaptación dos modelos de gobernanza. “Debemos saber aproveitar as oportunidades que nos brinda o futuro, aínda que sexa incerto”, sentenciou, subliñando que a Administración debe ser un axente facilitador dos cambios económicos, da captación de investimentos e da creación de valor engadido.

“Esa é a clave para recuperarnos do golpe que vivimos nestes meses. Ademais de acompañar aos cidadáns, respondendo ás súas necesidades dun modo máis eficiente”, engadiu.

O presidente da Xunta concluíu destacando a utilidade da celebración de foros coma este para, a través da análise sosegada e da reflexión, axudar a construír un futuro de progreso, xustiza e liberdade.

Imaxes relacionadas