A Xunta mellora o equipamento de bibliotecas, arquivos e locais culturais municipais de 40 concellos cunha achega de 500.000€

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visita a biblioteca de Chantada, unha das beneficiarias e na que se realizarán obras de acondicionamento da cuberta

Posteriormente desprazouse a Guntín para participar na entrega do premio do XV Certame de investigación Condado de Pallares
 

Chantada (Lugo), 26 de novembro de 2021

O secretario de xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe a biblioteca municipal de Chantada, unha das 40 beneficiarias da orde de axudas da Xunta para mellorar o equipamento das instalacións e locais dos concellos destinados a actividades culturais para a que se destinan 500.000 euros.

Como expresou, trátase dunha liña de axudas “estratéxica” coa que o Goberno autonómico leva anos conseguindo “estender e manter a actividade cultural en Galicia con calidade tanto no eido rural e urbano”. De feito, este apoio económico está a contribuír a que os concellos se doten dos medios necesarios para executar as súas programacións, “e contar coas oportunas infraestruturas que lles permitan realizar as actividades culturais e garantir o servizo público que prestan á cidadanía tanto nos eidos rurais como urbanos”.

En concreto, a través desta liña de subvencións, o Goberno autonómico contribúe ao equipamento de moblaxe de locais, a realización de obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento das accións.

Preto de 200.000 euros en Lugo

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a oportunidade que supón para Chantada esta axuda “ao mellorar unha infraestrutura como a súa biblioteca, que dá servizo a gran parte da comarca”. Neste sentido, destacou o investimento na provincia de Lugo, próximo aos 200.000 euros, ao abeiro destas axudas das que se beneficiaron 17 concellos lucenses.

Certame Condado de Pallares

Posteriormente o secretario xeral de Cultura desprazouse ata a localidade de Guntín para participar na entrega do premio do XV certame de investigación Condado de Pallares, que nesta edición recaeu no investigador Jesús Otero Pereiras coa obra As terras de Guntín, Arqueoloxía na Terra de Pallares, centrada na introdución das novas tecnoloxías a principios do século XX e a súa repercusión nos xacementos da zona.

A Xunta de Galicia colabora con este certame impulsado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares co fin de promover a investigación nos ámbitos lingüístico, da historia, a arte, a antropoloxía, a etnografía e o folclore no antigo territorio que conformaba o Condado de Pallares.