Luis López destaca os “grandes avances” na desestacionalización do turismo en Galicia nas XIX Xornadas Gastronómicas da Centola do Grove

O delegado territorial participa, xunto ao alcalde, José Cacabelos, na cata de maridaxe entre a centola e o viño albariño organizada por Emgrobes no marco da exaltación culinaria

O representante autonómico salienta o apoio da Xunta de Galicia ás iniciativas turísticas e gastronómicas e convida a degustar os produtos do mar da nosa comunidade

O Grove, 26 de novembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou hoxe no Grove os “grandes avances” que se están a rexistrar na desestacionalización do turismo en Galicia “e que permiten que sigamos a ser o destino de moda en España e tamén en Europa, recibindo a visitantes, de xeito seguro, en calquera momento do ano”.
O representante autonómico participou este mediodía, xunto ao alcalde do Grove, José Cacabelos, na cata de maridaxe das XIX Xornadas Gastronómicas da Centola do Grove, organizadas pola Asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos (Emgrobes) entre o pasado 8 de novembro e o vindeiro 12 de decembro. Este acto, un máis da ampla programación desta exaltación gastronómica, tamén contou coa presenza do presidente do colectivo, José Besada, outros representantes da entidade e cociñeiros.
Luis López destacou, na súa intervención, o “enorme traballo” que están a realizar Emgrobes, a hostalería local, o Concello e o sector mariñeiro “para que O Grove sexa a capital galega do marisco, o cal, e sen ánimo de ser pretencioso, vén a ser a capital mundial dada a máxima calidade dos produtos das nosas rías”.
“Tendo o mellor produto, boas ideas e gañas de traballar, no Grove estase a conseguir, como noutros lugares de Galicia, unha importante desestacionalización do turismo, alongando a campaña central do verán ata as portas do Nadal, xa que é fácil ver, calquera día do ano, a visitantes de fóra de Galicia neste concello”, salientou o delegado territorial.
“Dende a Xunta de Galicia, que apoiamos todas as iniciativas turísticas e gastronómicas do Grove polo seu enorme atractivo, cremos que este é o camiño, xa que xera unha sinerxia socioeconómica moi positiva para o municipio, para a bisbarra do Salnés e para toda a comunidade”, salientou.
Finalmente, e tras destacar o clima de colaboración entre administracións, entidades e os sectores económicos, quixo convidar a gozar dos produtos galegos do mar, neste caso a centola, nos quince establecementos participantes nas xornadas –nove restaurantes e seis hoteis- e tamén a acompañalos de viño albariño, que era o contido central desta cata de maridaxe celebrada na Lanzada. “A centola e o marisco e o viño das Rías Baixas son abandeirados e embaixadores da nosa terra e temos que seguir potenciándoos como un dos moitos atractivos de Galicia”, concluiu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas