A Xunta desenvolve os estudos xeotécnicos dos terreos do Novo Hospital público da Coruña e dos seus accesos

Continúan as actuacións necesarias para a redacción do anteproxecto do ‘Novo CHUAC’, unha vez efectuadas as medicións topográficas

Os sondeos xeotécnicos achegan información sobre a capacidade portante do terreo, a profundidade da escavación ou da estabilidade dos noiros, necesarios para o sistema viario e accesos ao novo complexo hospitalario

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia está a desenvolver os estudos xeotécnicos para o coñecemento do terreo no que se prevé a execución do novo Hospital público da Coruña, o ‘Novo CHUAC’ e dos seus accesos.

Estes traballos forman parte das actuacións previas que se están a realizar no marco do contrato para a redacción dos proxectos técnicos e dirección das obras do novo complexo hospitalario, que foi adxudicado á UTE Pinearq–Vázquez Muíño–Monteoliva, por un importe de preto de 6 M€. Recentemente desenvolvéronse xa as medicións topográficas.

Estes estudos xeotécnicos, que se iniciaron onte, consisten en realizar ensaios in situ na contorna do complexo hospitalario para recoñecer os materiais que conforman o subsolo da zona, a súa distribución espacial e determinar a posible situación de niveis piezométricos.

Os datos obtidos no transcurso destes estudos xeotécnicos empregaranse para a comprobación da capacidade portante do terreo, da profundidade da escavación e da estabilidade dos noiros, necesarios para o sistema viario e accesos ao novo Complexo Hospitalario da Coruña.

Para estes estudos sobre os terreos do ‘Novo CHUAC’, realízanse en total tres sondaxes dunha profundidade de ata 12 metros, 10 ensaios de penetración dinámica e catro calicatas para a obtención de mostras de materiais. Posteriormente, este estudo completarase cos ensaios de laboratorio e o posterior traballo de análise técnico.

A Xunta segue a avanzar así nos traballos necesarios para a elaboración do anteproxecto definitivo do novo Hospital público, do viario perimetral e dos seus accesos, o que fai imprescindible realizar estes estudos xeotécnicos, que se suman as medicións topográficas realizadas nas pasadas semanas na contorna do actual complexo.
O ‘Novo CHUAC’ suporá duplicar a área hospitalaria do actual hospital ata chegar aos 86.500 m² e executar obras de reforma e remodelación nas actuais instalacións, a través dun investimento que supera os 430 millóns de euros.
Para isto será tamén precisa a realización de traballos previos de adecuación da parcela e demolicións, de urbanización e accesibilidade, de accesos viarios, de rehabilitación do edificio actual, de construción do novo centro de formación e I+D+i, e de execución das novas edificacións e dun novo aparcadoiro de máis de 2.600 prazas. Na execución destas obras prevese mobilizar máis de 6.100 traballadores.
Actualmente está xa en desenvolvemento a ‘Fase 0’ do ‘Novo CHUAC’, coa que se traballar na creación dun novo Hospital de Día, no incremento do número de camas grazas á creación dunha nova planta de hospitalización e ampliando os servizos de urxencia e o número de camas para coidados intensivos, mediante un investimento que supera os 13 millóns de euros. As obras estarán en servizo o vindeiro ano.

Imaxes relacionadas