A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe coa directiva da Federación Galega da Construción para presentar os seus orzamentos

A Xunta anima ao sector da construción a ser un motor da recuperación económica e aproveitar os 360 M€ que se prevén mobilizar grazas á rehabilitación de vivendas

O Goberno galego incidirá na mellora da eficiencia dos inmobles residenciais co reto de actuar sobre 11.500 fogares e reducir en ata 65.000 Tn anuais as súas emisións

Ángeles Vázquez resalta a oportunidade que suporá para Galicia e as empresas do sector dispoñer dos fondos europeos destinados á vivenda e que sumados ás axudas propias do IGVS beneficiarán a 16.000 familias galegas e xerarán 17.000 empregos
 

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia aproveitará a oportunidade que ofrecen os fondos europeos en materia de vivenda para reforzar a súa aposta pola rehabilitación residencial e, en especial, pola mellora da eficiencia enerxética de vivendas e edificios, un obxectivo que mobilizará nos vindeiros anos 360 millóns de euros e para o que aspira a contar coa colaboración do sector galego da construción, peza clave para garantir a recuperación económica da Comunidade.

Esta foi a mensaxe que lle trasladou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aos membros da directiva da Federación Galega da Construción (FGC), un dos colectivos convocados no marco da rolda de reunións que mantén estes días para presentar as contas do seu departamento para 2022.

Neste sentido, a responsable autonómica explicou que as liñas de axudas propias da Xunta nesta materia veranse reforzadas polos sete novos programas financiados con fondos europeos, que se convocarán en 2022 con carácter plurianual e unha dotación de 117 millóns de euros, no caso de Galicia.

Tras lembrar a súa recente viaxe a Copenhague, convidada pola Embaixada danesa e na que puido coñecer modelos de construción sostible e varios exemplos de rehabilitación, a conselleira asegurou que grazas aos fondos europeos, Galicia poderá reducir entre 40.000 e 65.000 Tn anuais as emisións de CO2 vencelladas ao sector residencial.

Así, explicou que os 117 millóns que xestionará a Xunta nos próximos anos permitirán intervir enerxeticamente sobre 11.500 vivendas, facéndoas máis sostibles e acadando un aforro aproximado de 5,6 Tn anuais de CO2 por cada inmoble, o que contribuirá tamén ao obxectivo de reducir nun 55% as emisións contaminantes de Galicia ata o ano 2030.

Segundo indicou, o esforzo orzamentario “sen precedentes” que fará a Xunta o ano que vén en materia de rehabilitación residencial e, máis concretamente, en eficiencia enerxética permitirá mobilizar nos próximos anos un investimento de ao redor de 360 millóns que beneficiará a unhas 16.000 familias e xerará 17.000 postos de traballo.

Por iso, considerou que as empresas galegas de construción deben aproveitar as “oportunidades” que se están a abrir no campo da rehabilitación residencial, máxime cando o sector atravesa un momento “complexo”, marcado pola escaseza de materias primas, os problemas relacionados co subministro de materiais ou o aumento dos prezos do transporte e da enerxía.

Galicia, pioneira nas medidas de apoio ao sector

A conselleira tamén incidiu en que a Xunta é consciente da situación das construtoras, un sector do que depende o 7% do PIB galego, polo que garantiu o seu apoio para que siga sendo “un importante motor” na recuperación social e económica da Comunidade. Así, lembrou que Galicia é “pioneira” en España na aplicación de medidas normativas orientadas a blindar as obras públicas e protexer o emprego que depende deste sector, tal e como lle avanzou hai os días á FGC o presidente da Xunta.

Neste sentido, explicou que ante a falta de materiais e mesmo de man de obra tamén o seu departamento acaba de ampliar os prazos de execución e xustificación de varias ordes de axudas, entre elas, ás do programa de obras de conservación, seguridade e accesibilidade en edificios e vivendas.

Así mesmo, Vazquez Mejuto confirmoulles que o próximo ano o seu departamento volverá ofrecer bonificacións de ata o 50% no prezo de venda do solo industrial da Xunta, uns incentivos que mantén de forma ininterrompida desde o ano 2015.

Por último, entre as medidas de apoio ao tecido empresarial e concretamente ao sector da construción, referiuse tamén á Lei de áreas empresariais —en información pública e que blindará a planificación de solo na Comunidade— e á primeira Lei de arquitectura de Galicia —autorizada polo Consello da Xunta o pasado 11 de novembro—.

Pola súa parte, o presidente da FGC, Diego Vázquez, recoñeceu que o sector pasa por un momento marcado por “problemas de primeira orde” relacionados cos prezos dos materiais e o desabastecemento, un dos “grandes retos”, dixo, que haberá que resolver. “En todo caso, amosamos o noso firme compromiso de informar aos nosos asociados de todas as liñas de axudas existentes e de contribuír á execución dos fondos europeos. Galicia vai demostrar a potencialidade que ten o seu sector da construción”, declarou.
 

Imaxes relacionadas