O titular do Goberno galego presidiu esta tarde o acto de entrega dos premios

Feijóo refírese aos pontevedreses do ano como exemplo da Galicia que se esforza e traballa conxuntamente a prol dos demais

“Todos eles forman unha selección representativa da sociedade pontevedresa e galega, están avalados por éxitos en diferentes áreas de actividade e son tamén unha consecuencia exitosa de pactos: crean, se esforzan e traballan polos demais”, di

Pontevedra, 25 de novembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe aos galardoados cos Premios Pontevedreses del año, como exemplo da Galicia que se esforza e traballa conxuntamente a prol dos demais. “Todos eles forman unha selección representativa da sociedade pontevedresa e galega, están avalados por éxitos en diferentes áreas de actividade e son tamén unha consecuencia exitosa de pactos: crean, se esforzan e traballan polos demais”, aseverou.

Durante o acto de entrega dos galardóns, Feijóo destacou deste xeito o labor dos 21.640 socios e dos máis de 800 voluntarios de Cruz Roja Pontevedra, dispostos a estar presentes alí onde haxa unha necesidade, un desamparo ou unha marxinación.

Así mesmo, resaltou a capacidade de superación da piragüista Teresa Portela; o selo inconfundible do actor Celso Bugallo e a traxectoria da empresa Construcciones Ramírez. Ademais de enxalzar a categoría humana e profesional de todos os traballadores que conforman a Área Sanitaria de Pontevedra, que desborda o simple cumprimento do deber.

No tocante á Escola de Enxeñaría Forestal, Feijóo subliñou que este centro fai de Pontevedra “a meca dun sector capital na economía galega”; “un sector clave en Galicia e nesta comarca, que dá traballo a milleiros de familias”, dixo, incidindo en que o Goberno galego non vai deixar de pelexar para que eses empregos non se destrúan e a Comunidade poida seguir aproveitando o potencial dun sector no que é punteira.

O titular da Xunta concluíu aseverando que estes premios proban que Galicia e Pontevedra seguirán tendo un futuro prometedor se acumulamos propostas que non destrúan o que xa temos, e permitan levantar novos proxectos e atraer novas iniciativas.

Imaxes relacionadas