O xerente do Sergas proclama o compromiso de tolerancia cero ante calquera situación de violencia machista na organización

O Servizo Galego de Saúde conmemora o Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, e recorda que as mulleres representan neste organismo máis do 77% do total do persoal, tal e como se recolle no I Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes no Sergas

No acto, tamén interveu a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, quen puxo en valor o traballo que a Xunta está a desenvolver para a detección precoz de casos de violencia de xénero

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2021

“Proclamamos o compromiso de tolerancia cero ante calquera situación de violencia machista na organización, e desaprobamos, clara e rotundamente, todas as súas formas, que inclúen condutas e actitudes ofensivas, discriminatorias e/ou abusivas de calquera índole”. Así o sinalou o xerente do Sergas, José Flores Arias, na presentación da conferencia: “O persoal de saúde como aliado contra a violencia machista”, impartida por Ángeles Caballero, xornalista e comunicadora, cronista política e social, e actualmente colaboradora no programa Más de uno de Onda Cero e noutros medios. No acto, que tivo lugar no Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade, tamén participaron a secretaría xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez.
Segundo o representante da sanidade pública galega, “no Sergas queremos conmemorar e unirnos á celebración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, non só polo apoio decidido á súa erradicación na sociedade, senón, tamén, porque as mulleres representan na nosa organización máis do 77% do total do persoal, tal e como se recolle no I Plan de Igualdade entre mulleres e Homes no Servizo Galego de Saúde”.
Un dos obxectivos da política de recursos humanos do Sergas é alcanzar espazos de traballo seguros e relacións laborais baseadas na liberdade e o respecto entre profesionais. “Queremos axudar ás nosas profesionais en situación de violencia machista sen escatimar recursos e comprensión. Concienciar a todo o persoal que compón a nosa organización tamén é un dos nosos propósitos”, -dixo o xerente-.
“Intensificaremos a actitude proactiva, xa iniciada na prevención deste tipo de violencia, con diversas accións de formación e información sobre comportamentos non tolerados. De feito, xa estamos a impartir cursos nesta materia”, -recalcou José Flores-.
Tamén contamos, -proseguiu o xerente-, con diversos procedementos e guías, como a Guía informativa para as nosas traballadoras que se atopen nunha situación de violencia de xénero, xunto con múltiples actuacións de sensibilización “orientadas a evitar ou reducir a posibilidade de que afloren condutas de violencia machista na nosa contorna”.
Propoñémonos facer da nosa organización un lugar seguro onde as mulleres en situación de violencia machista poidan sentirse acompañadas en todos os ámbitos posibles, incluído o apoio psicolóxico, -remarcou Flores-. “Cremos que é unha meta acadable se contamos coa concienciación e colaboración de todas e todos os nosos profesionais”.
Para rematar a súa intervención, o xerente do Sergas subliñou que como organización sanitaria “queremos actuar como aliado da sociedade galega para erradicar a lacra social que significa a violencia contra as mulleres”.
O acto de hoxe contou, así mesmo, coa intervención da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, quen puxo en valor “o traballo que a Xunta está a desenvolver para a detección precoz de casos de violencia de xénero e a súa actuación ante casos de agresión sexual, no que a formación entre os profesionais da saúde está a ser vital. Así, no ano 2020, cerca de 17.000 persoas participaron en accións formativas dirixidas ao ámbito sanitario, con módulos específicos de prevención, atención asistencia e/ou tratamento de situacións de violencia de xénero”.
Pola súa parte, a conferenciante destacou o apoio decidido do Servizo Galego de Saúde na erradicación da violencia contra a muller. Os e as profesionais de atención primaria e atención hospitalaria teñen un importante papel na detección de indicios de violencia machista e, polo tanto, a posibilidade de facer unha importante contribución á sociedade, -dixo Ángeles Caballero-.

Imaxes relacionadas