Conde apunta que a transición enerxética será xusta se é compatible co desenvolvemento industrial e o mantemento do emprego

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou nunha xornada organizada pola Cámara de Comercio da Coruña e a Fundación Repsol

Sinala que estamos ante unha gran oportunidade para definir un modelo produtivo que poña no centro a innovación e o respecto ao medio ambiente

A Coruña, 25 de novembro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe durante unha xornada organizada pola Cámara de Comercio da Coruña e a Fundación Repsol que a transición enerxética será xusta se é compatible co desenvolvemento industrial e garante o mantemento do emprego asociado, dando tempo ás empresas para a súa adaptación.
Na súa intervención no encontro El Reto de la Transición Energética en las empresas de Galicia o vicepresidente económico apuntou que na tecnoloxía e na innovación se atopan as solucións para avanzar na descarbonización, sinalando que dixitalización e sostibilidade forman un binomio indivisible sobre o que debe pivotar a reactivación da economía. Segundo subliñou Conde, estamos ante unha gran oportunidade para definir un modelo produtivo que poña no centro a innovación e o respecto ao medio ambiente.

O responsable de Economía, Empresa e Innovación apuntou ademais que un dos grandes retos neste contexto de transición enerxética está en impulsar a mobilidade do futuro, sostible, segura e conectada, subliñando polo tanto que a Xunta está a apostar pola mobilidade eficiente.

Imaxes relacionadas