A Antena do Igape en México cooperou con máis de 400 empresas galegas na busca de novas oportunidades de negocio

O director do Igape, Fernando Guldrís, visita as instalacións desta infraestrutura en Cidade de México, onde subliña o seu traballo conxunto co tecido produtivo galego na mellora do seu posicionamento nun país que supón o primeiro destino das exportacións galegas a Latinoamérica

Destaca a relevancia e o bo facer de empresas galegas asentadas en México, como STAC, Ramón García e Malasa, que supoñen “un bo exemplo das preto de 70 compañías da nosa terra que xa están implantadas aquí”

Cidade de México (México), 24 de novembro de 2021

O director do Igape, Fernando Guldrís, no marco da viaxe institucional que está a levar a cabo en México, vén de visitar hoxe a antena do Instituto en Cidade de México que, como o resto destas oficinas, ten por obxectivo facilitar o camiño das empresas galegas no país de destino, procurando achegar información e acompañar ás pemes nos seus proxectos de internacionalización.

Neste sentido, a Antena do Igape en México colaborou ata o momento con máis de 400 compañías galegas na consolidación dos seus proxectos neste mercado, que supón o primeiro destino das exportacións galegas a Latinoamérica. Así, entre xaneiro e setembro, as exportacións galegas a México ascenderon a preto de 159 millóns, o que supón un
30,8% más con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Desde a súa posta en marcha en 2018, a Antena de México, ademais das empresas atendidas, ten cooperado tamén con preto de 200 clientes e unha decena de institucións, facilitándolles a todos eles servizos personalizados como axendas de negocio, apoio en accións de promoción, prospeccións de mercado ou axuda para a implantación en destino. Así mesmo, ten organizado 14 misións comerciais apoiando, de modo directo, a implantación de distintas empresas.

Precisamente no marco desta viaxe, Guldrís está a visitar tamén algunha das principais compañías galegas asentadas en México. En concreto, nesta xornada, o director do Igape puido coñecer o traballo que están a levar a cabo no país STAC (con sede en Padrón), Ramón García (Ordes e Mesía) e Malasa (Cerceda), que supoñen “un bo exemplo das preto de 70 compañías da nosa terra que xa están implantadas aquí”.

No caso de STAC, que ven de ser elixida pola Confederación Española de pequenas e medianas empresas (Cepyme), e por quinto ano consecutivo, como líder en crecemento empresarial, trátase do primeiro fabricante e distribuidor de sistemas en aluminio e PVC para a arquitectura e a industria na Península Ibérica, e un referente europeo no sector. A empresa está presente en máis de 70 países e conta con cinco delegacións, con instalacións en México, en Querétaro, desde outubro de 2018.

O grupo Malasa, pola súa banda, está presente no país azteca desde decembro de 2020, a través, tamén, dunha planta en Querétaro, no parque industrial Bernardo Quintana, coa que producirán equipo mobiliario chegando a xerar ata 400 empregos.

Así mesmo, o Grupo Ramón García, dedicado á fabricación de mobiliario, e cunha división contract que representa o seu maior volume de negocio, promove, desde o 2018, outro proxecto empresarial en Querétaro: unha fábrica de produción ubicada no Parque Industrial PYME, coa que se poden chegar a crear ata 190 postos de traballo.

Misión comercial

A viaxe do director do Igape enmárcase nunha misión plurisectorial dentro do Plan Foexga, que impulsa a Xunta de Galicia en colaboración coas cámaras de comercio -neste caso coa da Coruña-, para favorecer a internacionalización de pemes e autónomos.

No marco do Foexga, o Goberno galego promoveu outras misións comerciais en México, en sectores como o da alimentación, as TIC, ou o téxtil, das que se teñen beneficiado máis dun centenar de empresas galegas.

Agora o Foexga busca adaptarse á situación do comercio derivada da pandemia, así como ás medidas de protección. Deste modo, estase a favorecer a participación de empresas en misións comerciais directas, feiras internacionais e eventos promocionais, tanto de modo presencial, como é o caso, como virtual.

Estas actuacións enmárcanse na Estratexia de Internacionalización que está a promover o Goberno galego para axudar ao tecido empresarial da Comunidade na busca de novos mercados, captando investimentos e co obxectivo de acadar os 25.000 millóns de euros anuais de exportacións no ano 2025.

Imaxes relacionadas