A Xunta sortea entre os seus adxudicatarios catro vivendas promovidas polo Consorcio Casco Vello de Vigo na rúa Berbés 29

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presidiu esta mañá o sorteo de asignación destas novas vivendas de promoción pública

Trátase da maior reforma acometida polo organismo rehabilitador nos últimos cinco anos, cunha superficie de 800 metros cadrados, e 100 candidatos aspirantes
 

Vigo, 24 de novembro de 2021

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presidiu hoxe o sorteo do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) entre os 100 candidatos aspirantes á adxudicación das catro vivendas de promoción pública promovidas polo organismo rehabilitador na rúa Ribeira do Berbés 29.

A delegada territorial na comarca viguesa, Marta Fernández-Tapias, salientou que estas actuacións responden á ambiciosa política de vivenda da Xunta, cun 90% de participación no Consorcio Casco Vello de Vigo, que marca como prioritaria a construción de vivendas protexidas nas grandes cidades galegas, onde a demanda é maior e onde se ten acreditado maiores necesidades. Subliñou que este tipo de intervencións teñen como obxectivo facilitar o acceso a unha vivenda a tódalas familias que precisen axuda para iso, posibilitando fogares a un custe asumible na cidade de Vigo.

A vivenda adxudicada, así como as condicións, prezo e instrucións sobre os trámites a realizar por cada adxudicatario antes da entrega comunicaranse dende o IGVS, de forma individualizada.

“Un novo inmoble súmase a esta fachada marítima tras a adxudicación do número 31, a inauguración do albergue de peregrinos e a sede da Universidade de Vigo, e catro novos veciños múdanse ao Casco Vello”, sinalou a delegada.

Segundo detallou a presidenta do CCVV trátase da maior reforma acometida polo organismo rehabilitador nos últimos cinco anos, adxudicada por un importe de 859.000 euros, que permitirá a creación de 4 novas vivendas e un local comercial na popular praza mariñeira viguesa.

Así, a vivenda 1, situada na planta primeira, dun dormitorio e cunha superficie de 80,05 metros cadrados, ten un prezo de145.000 €; a vivenda 2, tipo dúplex que se distribúe entre a planta segunda e terceira, de dous dormitorios e unha superficie de 117,65 m2, adxudicarase en 215.000 €, a vivenda 3, de igual distribución á anterior e unha superficie de 118,60 m2, farao en 216.500 €, en tanto que o prezo da cuarta vivenda, un tríplex de 82,40 m2, que conta con dous dormitorios, é de 152.500 €. Todos as cantidades inclúen o rocho correspondente a cada unha das vivendas.
Neste contexto, Fernández-Tapias acentuou o intenso labor de rehabilitación desenvolvido polo Consorcio Casco Vello de Vigo desde a súa constitución, coa adquisición de 82 edificios e a posta no mercado de 117 vivendas de protección autonómica (VPA). Especialmente nunha cidade, dixo, que acumula o maior número de demandantes de vivenda e que, polo momento, carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
 

Imaxes relacionadas