A Xunta e o Consorcio de Turismo colaboran para impulsar accións de promoción da Ribeira Sacra

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que se financian iniciativas do Xeodestino como as campañas para consolidar a oferta vencellada á viticultura e á natureza, así como o turismo familiar

Sober (Lugo), 23 de novembro de 2021

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo vén de asinar un convenio de colaboración co Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra polo que destina 50.000 euros para financiar accións de promoción desenvolvidas este ano.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que os fondos van destinados ás iniciativas do Xeodestino encamiñadas a consolidar a oferta vencellada á viticultura e á natureza, así como o turismo familiar.

A través deste acordo asúmense os custos de reedición de soportes impresos; campañas e accións estratéxicas en redes sociais, medios especializados e eventos; catálogos de produtos; ampliación do banco de imaxes e a produción dun vídeo promocional en formato Storytelling, ademais doutras accións de difusión e comercialización. Tamén está incluído o primeiro Festival de Patrimonio Os Peares.

A Axencia de Turismo de Galicia asume o 80% do orzamento que contempla o convenio e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra inviste 10.000 euros ata completar os 60.000 previstos.

Arias sinalou que este acordo dálles continuidade aos convenios que o Goberno galego subscribe con regularidade cos xestores dos diferentes xeodestinos constituídos en Galicia “co fin de que cada zona consolide unha oferta especializada en torno ás súas singularidades e riquezas”.

O delegado tamén salientou que a aposta da Xunta pola calidade e a sustentabilidade do modelo de turismo galego cobra especial importancia en territorios como a Ribeira Sacra, “que está a consolidarse como un auténtico referente en turismo de interior”. Nese sentido, lembrou que esta zona beneficiouse dun dos dous Plans de Sostibilidade aprobados polo Estado o ano pasado -xunto co de Santiago de Compostela-, cofinanciado polo Goberno galego con 850.000 euros.

 

Imaxes relacionadas