A Xunta valoriza a artesanía como piar fundamental para crear produto turístico baseado no patrimonio

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou nun dos “showcookings” programados na clausura das “III Xornadas Profesionais Artesanía no Prato”

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou nunha das mostras de cociña en directo programadas no marco da celebración das III Xornadas Profesionais Artesanía no Prato, que rematan hoxe na Cidade da Cultura.

Impulsadas pola Xunta a través da Fundación Artesanía de Galicia, na xornadas Nava Castro destacou o peso que a artesanía ten como elemento de diferenciación e de creación de produto turístico propio de Galicia, poñendo en valor o seu peso e o seu vencello coa gastronomía galega, coa que conforma un excelente binomio.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia fixo fincapé na importancia de seguir impulsando a artesanía como un símbolo do marcado carácter tradicional de Galicia que co paso do tempo foi modernizando o seu proceso produtivo para mellorar o rendemento e a calidade dos produtos e que agora ábrese cara a sustentabilidade.

Concibido coma un punto de encontro arredor da gastronomía, a artesanía e o deseño, as xornadas contaron cun novo espazo de coloquio arredor do papel da artesanía no ámbito da cociña no que reflexionar sobre temas coma o deseño e a ética sostible, o impulso da innovación ou o proceso creativo do traballo artesán e o produto de proximidade.
 

Imaxes relacionadas