Luis López anuncia a concesión dun programa integrado de emprego á asociación de empresarios de Deza para un cento de desempregados

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra informa desta nova iniciativa de formación e inserción para a comarca do Deza nunha visita ao obradoiro de emprego dual Freixo, en Dozón, acompañado dos alcaldes deste municipio, Rodeiro e Agolada

O PIE outorgado á patronal dezá, que dá continuidade á anterior edición clausurada hai dúas semanas, ten un investimento de 250.000€ financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral do 45%

Dozón, 22 de novembro de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis Lopez, anunciou esta mañá en Dozón que a Consellería de Emprego e Igualdade vai activar outra nova iniciativa laboral na comarca coa concesión dun Programa Integrado de Emprego (PIE) a prol da Asociación de Empresarios de Deza (AED) para favorecer a inserción e mellorar as oportunidades de traballo dun cento de desempregados.
O representante autonómico informou desta nova actividade de formación para a zona, acompañado da xefa territorial de Emprego e Igualdade, Marta Mariño, nunha visita ao obradoiro de emprego dual Freixo, que se imparte en Dozón e que tamén beneficia aos concellos de Rodeiro e Agolada. No seu encontro co equipo docente e os alumnos-traballadores estivo acompañado polo alcalde anfitrión, Adolfo Campos, e polos seus homólogos de Rodeiro e Agolada, Rubén Quintá e Luis Calvo.
“Dende a Xunta de Galicia estamos a despregar unha intensa actividade en torno ao emprego e a formación nestas comarcas do interior, xa que é un dos eixos principais da nosa acción de goberno xunto á sanidade e a educación. Por iso, e con este novo Programa Integrado de Emprego, teremos activadas preto dunha trintena de iniciativas, entre as que se inclúen catro obradoiros e 23 cursos AFD, orientadas a mellorar as opcións de traballo de máis de 500 persoas desempregadas nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes”, detallou o representante autonómico, que contactou telefonicamente co presidente da AED, Antonio Lamas, para informarlle desta concesión.
O PIE outorgado á Asociación de Empresarios de Deza, que dá continuidade á anterior edición clausurada hai dúas semanas coa presenza do propio delegado territorial, conta cun investimento de 250.000 euros financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade e agarda alcanzar unha inserción laboral de alomenos o 45% entre os seus cen participantes. O seu inicio será inmediato e consistirá en itinerarios curriculares, cursos de formación, mellora das habilidades profesionais e outras medidas laborais durante doce meses ao tempo que contará coa colaboración de 13 empresas da contorna.
“A patronal dezá é unha das máis importantes de Galicia e leva trinta anos de traxectoria a prol da industria, as pemes, o comercio, a hostalaría e o emprego e por iso a concesión dun PIE xa é un clásico por parte da Xunta porque presenta proxectos tecnicamente moi valorados, conta cunhas magníficas instalacións, coñece perfectamente o mercado e as necesidades das empresas e ademais sempre cumpre cos ratios de inserción”, engadiu o representante autonómico.

Obradoiro forestal

Por outra banda, Luis López compartíu a mañá cos vinte participantes no obradoiro de emprego dual Freixo, que recibirán ensinanzas durante nove meses nos módulos de Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Montes e Mantemento de Xardíns grazas a un investimento de 347.000 euros da Consellería de Emprego e Igualdade. Os alumnos tamén contarán con formación complementaria em prevención de riscos laborais, igualdade ou dixitalización e poderán facer prácticas en empresas da contorna ao seu remate, xa co seu certificado de profesionalidade oficial.

“Dende a Xunta estamos a propoñer unha formación dual, moderna, adaptada ás necesidades do mercado e que ademais repercute favorablemente nos concellos coa prestación de servizos ou obras públicas, así que agardo que aproveiten esta oportunidade, que ademais está remunerada durante os nove meses, para que melloren a súa empregabilidade e addquiran experiencia e coñecemento nun oficio que pode outorgar moitas oportunidades de traballo”, concluiu.

Imaxes relacionadas