O programa ‘Iacobus’ abre mañá o prazo de presentación de candidaturas

A través deste programa promovido pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión (AECT) Galicia-Norte de Portugal convocase a IX edición das estadías de investigación de docentes e investigadores galegos e portugueses e a IV do “IACOBUS Papers” destinada a financiar publicacións científicas

Os interesados en participar nalgunha das dúas convocatorias teñen de prazo para inscribirse ata o 17 de xaneiro de 2022

As dúas liñas do programa contan cun investimento de 200.000 euros

Ao longo do primeiro trimestre de 2022 está prevista tamén a publicación dunha nova edición de “IACOBUS Patentes” para avalar as patentes presentadas de forma conxunta por investigadores de universidades e institutos politécnicos da Eurorrexión
 

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2021

O programa IACOBUS, promovido pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión (AECT) Galicia-Norte de Portugal, abre mañá o prazo de presentación de candidaturas para os proxectos da novena edición para as estadías de docentes e investigadores galegos, así como para optar á cuarta edición do IACOBUS Papers, dirixida a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e de divulgación científica. O prazo de inscrición de candidaturas en ambas liñas rematará o 17 de xaneiro de 2022 e poderá realizarse a través da páxina web https://iacobus.gnpaect.eu/ . As dúas liñas do programa IACOBUS contan cun financiamento de 200.000 euros.
Por unha parte, coa modalidade IACOBUS Estancias de Investigación búscase favorecer a mobilidade académica na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mediante o financiamento de estancias transfronteirizas para o desenvolvemento de actividades formativas, de investigación e de divulgación. As estancias levaranse a cabo nas 39 entidades que participan actualmente no programa, en concreto 7 universidades, 4 institutos politécnicos, 22 centros tecnolóxicos, xunto con 6 fundacións e institutos de investigación de saúde. Estes 6 últimos centros incorporáronse xa na convocatoria do ano pasado co obxectivo de dar un impulso á cooperación en materia sanitaria no contexto marcado pola pandemia do coronavirus.

Poden presentar candidaturas a esta modalidade do programa persoal docente (PDI); investigadores predoutorais e postdoutorais e persoal de administración e servizos (PAS) das institucións de ensino superior. No caso dos centros tecnolóxicos, poden optar investigadores ou xestores de proxectos de I+D+i con polo menos 5 anos de experiencia nesas tarefas e técnicos de I+D+i que non atinxan os 5 anos de experiencia.

Por outra banda, a cuarta edición do IACOBUS- Papers, está destinado a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e de divulgación, a través de axudas económicas á publicación de artigos científicos e de investigación nalgunha das revistas indexadas no vixente Journal Citation Report (JCR) e no SCOPUS para as áreas de humanidades.

Estes artigos teñen que ser desenvolvidos a través da colaboración transfronteiriza conxunta, por autores pertencentes ás institucións de ensino superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal -universidades e institutos politécnicos- que forman parte do programa.

Por outra parte, tamén o ano pasado lanzou unha nova modalidade do programa IACOBUS, a IACOBUS Patentes, co obxectivo de promover a creación de novos produtos e servizos, mediante a concesión de axudas coas que fomentar as solicitudes de patentes promovidas dende a Eurorrexión. Deste xeito, está prevista a apertura dunha nova convocatoria no primeiro trimestre de 2022, destinada a persoal vinculado ás universidades ou institutos politécnicos participantes.

Balance programa IACOBUS

O IACOBUS é un programa de gran éxito no ámbito académico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que suma preto de 1.200 candidatos nas edicións anteriores e proxectos de investigación que abranguen todas as áreas de coñecemento, cun financiamento total superior a 1,4 millóns de euros, no marco do Programa INTERREG VA España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.
Trátase dunha iniciativa de cooperación científica, cultural e pedagóxica que ten como principais obxectivos promover e fomentar sinerxías e o desenvolvemento conxunto de actividades de investigación, formativas e de divulgación na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Os obxectivos do IACOBUS alíñanse ás prioridades definidas no Plan de Investimentos Conxuntos Galicia - Norte de Portugal (PIC 21-27) e nas áreas estratéxicas establecidas pola Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia - Norte de Portugal (RIS3-T).
 

Imaxes relacionadas