Galicia compartirá a súa aposta pola rehabilitación enerxética das vivendas nunha viaxe a Copenhague para explorar modelos de construción sostibles e eficientes

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, chegará mañá á cidade convidada polo Goberno de Dinamarca, país que ocupa unha posición de referencia a nivel internacional en materia de sostibilidade urbana

Durante os tres días que durará o encontro, a responsable autonómica manterá contactos con autoridades rexionais especializadas en cambio climático, enerxía ou vivenda, empresarios do eido da construción, arquitectos e urbanistas de prestixio

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2021

Galicia participará desde mañá e ata o vindeiro martes nunha viaxe institucional a Copenhague co obxectivo de intercambiar experiencias en materia de eficiencia enerxética e modelos de construción sostibles e resilientes. Será un encontro de traballo para buscar sinerxías e compartir ideas entre ambos territorios nunha materia na que a Xunta está a apostar de forma decidida polo fomento da rehabilitación enerxética de vivendas e edificios residenciais.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, representará a Galicia durante esta visita, á que foi convidada polo Goberno danés e que contará tamén coa participación doutras autoridades españolas a nivel estatal, autonómico e local.

Cómpre subliñar que na actualidade Dinamarca ocupa unha posición de referencia internacional no que se refire a proxectos de sostibilidade urbana, ata o punto de que a súa capital, Copenhague, está considerada unha das urbes máis eficientes do mundo.

De feito, o programa completo da viaxe centrarase nesta cidade, á que a conselleira chegará mañá pola tarde para participar nun percorrido guiado polo Centro Danés de Arquitectura (DAC), unha institución dedicada ao impulso e difusión do coñecemento relacionado coa arquitectura, a construción e o desenvolvemento urbano.

Edificios emblemáticos e proxectos innovadores

Durante a xornada do luns, está previsto visitar varios edificios de interese desde o punto de vista da rehabilitación enerxética así como algún dos proxectos construtivos máis innovadores de todo o país, uns encontros que contarán coa participación do embaixador do Clima de Dinamarca, representantes da Autoridade de vivenda e planificación e da Axencia danesa da enerxía, e reputados arquitectos e urbanistas.

Entre as visitas programadas destacan a do Green Lighthouse, primeiro edificio prefabricado da capital, que foi rehabilitado recentemente; House of Green, unha sala de exposicións interactiva que reúne solucións integradas no eido da enerxía, a auga, o clima, os recursos e o medio ambiente; ou o Ørsted Gardens, un proxecto que permitiu transformar un edificio ruinoso da década dos 60 nun inmoble de apartamentos atractivo e integrado coa contorna, mellorando o entorno visual e social.

O evento central do luns, en todo caso, será a visita ao BloxHub, a nova base de Dinamarca para abordar as solucións urbanas do futuro, cun espazo de coworking dentro do propio complexo e unha rede internacional de empresas, organizacións e investidores que colaboran para facer propostas de construción sostible en todo o mundo desde un enfoque nórdico. A xornada rematará cunha cea con diferentes autoridades danesas e unha representación de empresarios do eido da construción.

Para finalizar a visita da delegación española ao país, o programa do martes porá o foco de atención sobre a enerxía e as formas de produción sostibles e innovadoras. A xornada arrancará en CopenHill, a central eléctrica de conversión de residuos en enerxía máis limpa do mundo, localizada nun edificio cuberto por unha pista de esquí artificial e un muro de escalada, e tamén está prevista unha visita a EnergyLab Nordhavn, un laboratorio para desenvolver futuras solucións enerxéticas para cidades intelixentes.