A directora xeral de Urbanismo interveu onte e hoxe en Valencia no X Congreso Internacional de Ordenación do Territorio

A Xunta pide axilizar a norma estatal que evitará aos concellos redactar desde o principio un plan xeral anulado por sentenza

Encarnación Rivas lembra que o Goberno central iniciou a tramitación do anteproxecto de lei polo que se modifica a Lei do solo e rehabilitación urbana, que permitirá modular o alcance da nulidade sobre un instrumento de planeamento urbanístico e evitará “un labor titánico” ás administracións locais

Solicita sensibilidade e compromiso por parte do Estado, dado que esta situación se estende ao longo do territorio nacional, poñendo en risco proxectos de futuro e investimentos

Valencia, 19 de novembro de 2021

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, advertiu esta mañá da necesidade de axilizar a tramitación do anteproxecto de lei estatal polo que se modifica a Lei do solo e rehabilitación urbana, para reforzar a seguridade xurídica no ámbito da ordenación territorial e urbanística e co obxectivo de evitar que os concellos se vexan na obriga de redactar desde o principio un plan xeral de ordenación que fora anulado por unha sentenza xudicial.

A representante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda interveu na mesa redonda Retos e propostas de acción para a política de ordenación do territorio no futuro inmediato e nos próximos anos, enmarcada no X Congreso Internacional de Ordenación do Territorio, que se celebra en Valencia.

Neste foro, solicitou ao Goberno central “sensibilidade e compromiso” para aprobar esta normativa, coa que evitar unha situación que non só padece a Comunidade galega, e que afecta a todos os plans en tramitación ou que nun futuro se inicien, senón que se estende ao longo do territorio nacional, sendo a listaxe de planeamento anulado cada vez máis extensa, poñendo en risco proxectos de futuro e os investimentos asociados.

Encarnación Rivas lembrou que o grao máximo de invalidez do planeamento urbanístico que contempla a lexislación básica estatal actual implica que os efectos dunha nulidade se producen ex tunc, desde o momento inicial, e non admite a subsanación, convalidación ou conservación.

As “terribles consecuencias” que derivan da nulidade absoluta do planeamento non só deben poñerse en relación cos elevados custes do procedemento de tramitación —prazos longos e necesidades de medios técnicos, económicos, materiais, persoais, etc.—, senón que tras esa declaración de nulidade ou ben, o concello queda sen planeamento ou revive un planeamento anterior —nalgúns casos de máis de 30 anos—, que non responde nin ao modelo actual de concello nin ás necesidades urbanísticas existentes, e cuxa aplicación resulta incompatible con alcanzar obxectivos de benestar socio-económico que deben impulsar as actuacións públicas.

Nese sentido, destacou que a tramitación dun plan xeral implica numerosos trámites —avaliación ambiental estratéxica, informes perceptivos vinculantes, etc.— durante un longo período de tempo; polo que os concellos expóñense a que se lles cuestione algún requisito substantivo, procedemental, do que se terá coñecemento moitos anos despois da aprobación do PXOM, pero que porá fin a anos de esforzo colectivo.

“Labor titánico” das administracións locais

“A situación de incertidume e inseguridade xurídica que se xera aboca ás administracións locais a iniciar a tramitación dun novo plan xeral desde o principio, o que se traduce nun labor titánico —tal e como recoñeceu o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana— e na dilapidación de medios e recursos que resulta inaceptable”, defendeu a directora xeral.

Ademais, é precisamente a xudicialización do planeamento e as terribles consecuencias da nulidade absoluta o que está incidindo directamente en que os concellos non tramiten os seus plans xerais adaptados á lexislación vixente.

En definitiva, Encarnación Rivas reiterou a necesidade de axilizar a tramitación da norma, o que permitirá poñer fin a un problema estrutural que afecta ao planeamento urbanístico de todas as comunidades autónomas, así como reforzar a seguridade xurídica no ámbito da planificación territorial e urbanística.

No marco do X Congreso Internacional de Ordenación do Territorio, a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo tamén interveu onte na mesa redonda A insatisfactoria xudicialización da formalización do plan e a necesidade de cambios substanciais na normativa vixente.

Imaxes relacionadas