A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo hoxe un encontro de traballo co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e os representantes provinciais da entidade

Ethel Vázquez avanza que Galicia será pioneira en España aplicando medidas normativas que blinden as obras públicas e protexan o emprego na construción ante a crise de prezos dos materiais

A medida dará viabilidade aos investimentos públicos promovidos pola Xunta e garantirá a execución dos fondos europeos de reconstrución

Habilitaranse os mecanismos xurídicos para asegurar as obras públicas en risco polos custos e pola subministración de materiais, que se encareceron nos primeiros 6 meses de 2021 un 12%, a mesma suba que a rexistrada nos 13 últimos anos

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2021

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que Galicia será pioneira en España aplicando medidas normativas que blinden as obras públicas e protexan o emprego na construción ante a crise de prezos dos materiais.

Vázquez Mourelle, xunto co secretario xeral da Consellería, Joaquín Macho, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe un encontro de traballo nas dependencias da Consellería, en San Caetano, co presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, e os representantes provinciais da entidade.

A conselleira enmarcou este encontro na inquedanza compartida pola Xunta e o sector, que desde hai tempo vén alertando do risco de que as obras sufran retrasos, poidan ser paralizadas e mesmo abandonadas pola quebra dos contratos.

A titular de Infraestruturas informou así ao sector das medidas normativas deseñadas, no marco das competencias autonómicas, para garantir a viabilidade dos investimentos públicos promovidos pola Xunta e asegurar a execución dos fondos europeos de reconstrución. Isto, ao tempo que se demanda a adopción de medidas a nivel estatal e europeo ante un problema común a todo o continente, dixo.

Salientou que se habilitan os mecanismos xurídicos que permitan actuar para garantir a viabilidade das obras públicas que se vexan en risco polos problemas actuais de custos e subministración de materiais. Na construción os materiais encarecéronse nos primeiros 6 meses de 2021 un 12%, o que representa, a mesma suba rexistrada entre 2007 e 2020, en 13 anos, apuntou a conselleira.

Vázquez Mourelle concretou que estas medidas serían de aplicación naquelas obras en execución que rexistren unha variación de prezos dos materiais de, polo menos o 20% e causen unhas perdas superiores ao 6% do importe de adxudicación.

Nestes casos, precisou, poderase establecer ou ben unha “compensación” que evite a quebra do contrato ou autorizar unha modificación dos materiais, promovendo os recursos de proximidade, sempre e cando isto non implique unha merma na funcionalidade das obras.

Desta xeito, tal e como salientou Ethel Vázquez, Galicia vai ser a primeira en adoptar medidas normativas que eviten a parálise dos investimentos públicos e garantan o impulso da reactivación económica.

No encontro, incidiu como desde o primeiro momento da pandemia, o Goberno galego apostou polas obras públicas como canle de reactivación da economía e do emprego.

Puxo en valor o impulso dado desde a Xunta aos investimentos públicos, aproveitando, ademais, os fondos europeos de reconstrución para desenvolver proxectos grandes e pequenos que contribúan a mellorar a vida dos cidadáns e a impulsar o progreso de Galicia.

A conselleira referiuse ás obras da Xunta de vertebración territorial, como as autovías e os acondicionamentos das estradas, así como as actuacións de mobilidade sostible. Tamén se referiu aos proxectos en marcha de construción de estacións intermodais e ás intervencións esenciais para o saneamento das augas.

Afondou no gran esforzo que está a realizar o Goberno galego para reforzar a sanidade pública coas obras de ampliación e mellora do Hospital de Ferrol; do Gran Montecelo en Pontevedra; a Fase 0 do ‘Novo Chuac’ na Coruña; a ampliación do hospital que está a piques de comezar en Ourense; ademais dos centros integrais de saúde de Lalín ou Lugo, e outros.

Ethel Vázquez subliñou así o importante volume de obras públicas transformadoras que ten en marcha a Xunta, para avanzar cara ao modelo de crecemento verde que impulsa a UE e para reforzar a sanidade pública para afrontar con garantías as vindeiras décadas.

Actuacións que, segundo remarcou, desde a Xunta se consideran, tamén, esenciais, para contribuír á reactivación da economía e o emprego e, polo tanto, non se pode aceptar que esta crise dos materiais supoña unha ameaza para a súa execución.

Imaxes relacionadas