A Xunta apoia en Pontevedra a incorporación da Artesanía de Galicia ao traballo dos novos talentos da moda galega

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, entregou o premio á ‘Colección con maior valor artesanal’, durante o desfile Debut 21, que se celebrou esta tarde no Pazo de Congresos

A Fundación Artesanía de Galicia patrocina ademais dous cursos de formación en bordado ao aire e en traballo con volumes, que se celebraron esta semana como complemento á programación á mostra

Pontevedra, 18 de novembro de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou esta tarde no Pazo da Cultura de Pontevedra na entrega de premios do desfile Debut 21, un evento organizado pola Esdemga da Universidade de Vigo no que colabora a Xunta de Galicia. Así, Heredia encargouse de entregar o galardón á Colección con maior valor artesanal, unha nova categoría que patrocina o Goberno galego co ánimo de apostar polo achegamento aos procesos artesanais como unha das claves para dotar de maior sustentabilidade o sector da moda.

No desfile participaron un total de 23 coleccións –o maior número ata a data–, entre as que figuraron tanto traballos finais defendidos polos novos titulados e tituladas do Máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda, como unha selección daqueles proxectos finalizados o pasado curso e que non puideron estrearse sobre a pasarela por mor da pandemia.

Durante a mostra puidéronse ver os traballos de Patricia Arellano, Mireia Bruguera, Lucas Cabaleiro, Javier Cuervo, Natalia Diéguez-Bayón, Marta García, Sabela Juncal, Noemi Montenegro, Denise Pena, Santiago Proaño, Alejandro Sierra, TingTing Hu e Sergio Villasante. Completaron o evento dez proxectos finais: os de África Abadín, María Albores, Inés Charre, Naiara Gómez, María Lázara, Bibi Martín, Candela Novoa, Nerea Rodríguez, Ana Táboas e Noemí Vidal.

O xurado integrado por Tiziana Domínguez, directora creativa de Adolfo Domínguez; Olga Liggeri, directora xeral da revista Vanidad; Helena López del Hierro, directora do Museo del Traje de Madrid; e a consultora de moda Celeste Chipperfield, encargouse de decidir o nome dos gañadores e gañadoras.

Formación

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, patrocinou tamén dous cursos de formación incluídos no programa de actividades de Debut 21. Así, o artesán téxtil Rafael González Goyanes (Ponteareas) aprendeulle esta semana ao alumnado de 1º e 2º curso do Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa de Moda a técnica do bordado ao aire, utilizada na indumentaria tradicional galega. Unhas sesións nas que puideron coñecer os materiais precisos para a creación de bordados e montaron unha base para a posterior reproducción dalgún deseño, ao mesmo tempo que se traballou na adaptación do mesmo a diferentes zonas da prenda e creáronse deseños para téxtil pero tamén algunha peza como pendentes ou colgantes.

Pola súa banda, o artesán especializado en sombreirería Félix de Martín (Ourense) encargouse de impartirlle aos alumnos de 1º un curso de formación sobre Traballo con volumes. Técnicas e solucións, enfocado no coñecemento de materiais estruturais e de técnicas precisas para o traballo con volumes en indumentaria. Xunto cunha introdución á transformación da silueta ao longo da historia, este taller propuxo un achegamento a materiais e técnicas como o acolchado, o pragado, o aramado, o crin, os materiais termoplásticos ou as entreteas. O obxectivo desta actividade foi achegarlles ferramentas e recursos que faciliten o labor do deseño creativo, ademais de poder levalo á práctica dunha maneira efectiva.