A Xunta destaca o papel das universidades na definición das estratexias de recuperación turística

A directora de Turismo de Galicia participou hoxe no X Foro Redintur que xirou arredor dos retos e oportunidades do turismo galego fronte á crise da COVID19

Nava Castro destacou a recuperación que está a experimentar o turismo en Galicia, grazas a unha boa estratexia turística, o traballo do sector e o motor que supón a celebración deste Xacobeo 21-22

A Coruña, 18 de novembro de 2021

As reflexións, retos e oportunidades que debuxa a crise sanitaria no sector turístico galego centraron a décima edición do Foro Redintur, a rede interuniversitaria de Estudos de Posgrao en Turismo que se celebrou hoxe na Universidade da Coruña. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na apertura oficial e nunha mesa redonda na que fixo fincapé na necesidade de tomar decisións e fundamentar estratexias turísticas sobre datos e análises rigorosas aportadas polo ámbito académico e universitario, tal e como fixo o Goberno galego para a posta en marcha do actual Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro.
Para a redacción da actual folla de ruta, sobre a que se está a sustentar a tomar de decisións e medidas para a recuperación e reactivación do tecido turístico galego, contouse coas tres universidades galegas, así como con expertos e sector privado. En concreto a Universidade da Coruña elaborou un informe de valoración que “foi fundamental para coñecer o sentir do sector e establecer as medidas urxentes e as accións que era preciso acometer”.
Na súa intervención Nava Castro aproveitou para por en valor a recuperación turística de Galicia que mantén “unha posición de liderado na recuperación da demanda turística 25 puntos por riba da media nacional” e para a que unha adecuada estratexia turística, o traballo do sector e o motor de recuperación que está a supor o Camiño de Santiago e o Xacobeo están a xogar un papel fundamental. Así o amosa a chegada de peregrinos, que xa suman máis de 172.000 compostelas en seis meses, o que acredita que Galicia está sendo recoñecido como un destino seguro e de calidade.
 

Imaxes relacionadas