Sanidade avoga por deseñar novas estratexias de prevención para frear o crecente consumo de cánnabis entre a poboación moza

O cánnabis é a droga ilegal máis consumida en España e nos restantes países da Unión Europea

Desde hoxe, e até o vindeiro sábado 20 de novembro, desenvolvese o III Congreso internacional sobre prevención, tratamento e control do consumo do cánnabis e os seus derivados

A Administración galega está a traballar nunha lei autonómica de prevención das adiccións entre as persoas menores de idade

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, participou esta mañá na xornada inaugural do III Congreso internacional sobre prevención, tratamento e control do consumo de cánnabis, incidindo na necesidade de contar con novas estratexias de prevención para deter o seu crecente consumo entre a poboación máis moza.
Durante a xuntanza, a responsable de Saúde Pública destacou que é preciso poñer o foco nas persoas máis novas, dado que os estudos vencellados a esta droga “revelan que son elas as que máis a consumen, e tamén as que presentan unhas maiores taxas de consumo problemático”.
Durán sinalou que o consumo de cánnabis na etapa adolescente está claramente relacionada coa presenza de alteracións no desenvolvemento do sistema nervioso central, o fracaso escolar, a maior probabilidade de consumir outras drogas, así como co aumento da aparición de episodios psicóticos entre os menores de idade.
Porén, o impacto e as consecuencias que derivan do seu consumo entre a mocidade será un dos principais puntos a abordar no transcurso das catro xornadas nas que se desenvolverá este Congreso organizado pola Consellería de Sanidade, en colaboración coa Delegación do Gobierno para o Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social; a Universidade de Vigo; e a Sociedade Científica Española de Estudos sobre o alcohol, o alcoholismo e as outras toxicomanías (Socidrogalcohol).
Así mesmo, Carmen Durán apuntou que outros dos temas centrais dos relatorios será a análise dos condicionantes e as repercusións que derivan do consumo desta substancia en homes e mulleres. Deste xeito, achégase a perspectiva de xénero a unha droga que, na actualidade, é a máis consumida tanto en España, como nos restantes países da Unión Europea.
A directora xeral, pechou a súa intervención avanzando que desde a Administración sanitaria galega estase a traballar na elaboración dunha Lei autonómica de prevención das adiccións entre as persoas menores de idade. A norma, ademais do alcol, o tabaco e as adiccións sen substancia, abordará un aspecto clave do problema, como son as actividades publicitarias, de promoción e patrocinio do cánnabis e os seus derivados.
As achegas que se trasladen ao Congreso contribuirán a poñer en común os coñecementos acadados entre os profesionais do eido sanitario, educativo e xudicial, co obxectivo de combater o consumo dunha substancia ilegal que xa é considerada como un problema de saúde pública de primeiro orde.

Datos de consumo

Os derradeiros datos da enquisa ESTUDES-2018 do Plan Nacional sobre Drogas, sitúan ao cánnabis como a substancia psicoactiva ilegal con maior prevalencia entre os mozos e mozas de 14 a 18 anos, acadando o 33% a porcentaxe do alumnado que consumiu esta substancia algunha vez na vida.

Atendendo a evolución do seu consumo, o estudo revela a prevalencia do cánnabis ao seguir coa tendencia crecente iniciada en 2016. Ademais, tamén se observa unha baixa percepción do risco ocasionado polo consumo desta substancia, entre a mocidade.