A Xunta ratifica o apoio á marca Enoturismo Galicia como ferramenta de recuperación deste segmento

A directora de Turismo de Galicia participou na presentación da nova campaña de promoción desta marca paraugas impulsada conxuntamente polas cinco Rutas do Viño de Galicia, o Clúster Turismo de Galicia e a Xunta.

A nova acción promocional ten por obxectivo dar a coñecer a oferta enoturística galega a través da distribución de tarxetas postais en diferentes puntos de información turística, moitos deles ao longo do Camiño de Santiago

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, tomou parte na presentación da nova campaña da marca paraugas Enoturismo Galicia, impulsada polas cinco Rutas dos Viños de Galicia en colaboración co Clúster Turismo de Galicia e Turismo de Galicia. Trátase dunha acción de promoción coa que se busca dar a coñecer o conxunto da oferta enoturística galega a través do envío de postais físicas a máis dun cento de puntos de información turística e outros puntos de interese, moitos deles no Camiño de Santiago.
O obxectivo que se busca con esta acción é que os viaxeiros que escollan Galicia como destino turístico poidan levar postais de recordo dalgúns dos recursos enoturísticos cos que contan os territorios vitivinícolas galegos ou mesmo enviarllo a coñecidos e familiares.
Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia destacou a importancia deste segmento turístico, “que está chamado a ser un piar fundamental na nosa estratexia turística, tal e como recolle o noso Plan Director 2021-2023”. Ademais, lembrou, “trátase dun turismo que encaixa perfectamente no novo escenario poscovid ao tratarse dun turismo en espazos abertos, en contacto coa contorna, sustentable e non masificado que nos permite captar un viaxeiro cun alto valor engadido”, destacou ao tempo que lembrou que a cultura e o turismo do viño contribúen á loita contra o despoboamento e a asentar poboación e tecido socioeconómico en territorios especialmente afectados do rural, como acontece nas provincias de Lugo e Ourense, onde se concentran boa parte dos territorios vitivinícolas galegos.

Impulso ás rutas e ao enoturismo

De feito, a través do apoio ás Rutas dos Viños de Galicia e á marca paraugas Enoturismo Galicia o Goberno galego segue a propiciar o desenvolvemento dunha actividade xeradora de fluxos turísticos de calidade, especialmente importante nesta Galicia interior.
Un apoio que se materializa na celebración das sucesivas Xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños, que se celebraron o mes pasado; o proxecto de sinalización das rutas dos Viños de Galicia, que só este ano supuxo un investimento de máis de 300.000 euros ou o apoio a esta marca, ao seu desenvolvemento e comercialización, co obxectivo de que sexa unha ferramenta que permita seguir achegando dinamismo e riqueza ao medio rural, ao tempo que permite xerar oportunidades de emprego e conservar a cultura do viño axudando na construción dun novo modelo social e turístico, moito máis sostible, innovador e accesible.