A Xunta pon en valor o potencial do destino ría de Vigo-Baixo Miño no que se inxectará 60.000€ este ano para o seu desenvolvemento turístico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo un encontro de traballo co ente xestor e o sector no que se informou do convenio de colaboración asinado coa entidade ao que a Xunta destina 48.000€

Tui (Pontevedra), 15 de novembro de 2021

No marco da súa estratexia de desenvolvemento turístico multidestino, a Xunta destina este ano ao xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño un importe de 48.000 euros, que se traducirá na mobilización neste destino de 60.000 euros para darlle continuidade ao un desenvolvemento turístico baseado na calidade, na sustentabilidade e na creación de novos produtos e servizos que cumpran coas necesidades do viaxeiro poscovid.

Así o destacou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, no encontro que mantivo esta tarde co sector turístico do territorio e cos representantes da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, ente xestor deste xeodestino, que levará a cabo unha achega de 12.000 euros para a posta en marcha das iniciativas turísticas nas que o territorio vai traballar este ano.

O convenio asinado con esta entidade forma parte das accións coas que a Xunta apoia o desenvolvemento turístico a nivel local, e que se traducirá este ano nunha mobilización de preto de 1 millón de euros, só no que atinxe aos convenios asinados cos diferentes xeodestinos, dos que a Xunta achega case 730.000 euros.

A valorización do Camiño Portugués, o desenvolvemento de todo o potencial enogastronómico do territorio así como o desenvolvemento de workshops e famtrips que permitan seguir dando a coñecer os recursos, os produtos e os servizos turísticos cos que conta o destino, cóntanse entre as actuacións recollidas no convenio asinado entre Turismo de Galicia e o ente xestor “para darlle un pulo ao turismo experiencial, especializado e de calidade abordando a promoción turística desde unha perspectiva de multidestino que permita seguir enriquecendo a singularidade e a diferenza da oferta turística galega”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

Tamén engadiu que para “continuar traballando nesta liña, o convenio de colaboración deste ano establece as bases para a subvención de actividades para seguir colocando esta zona entre os principais destinos turísticos entre os visitantes que elixen Galicia”.
 

Imaxes relacionadas