O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, preside a reunión celebrada hoxe co obxectivo de seguir avanzando no futuro deste territorio

A Xunta amplía o grupo de traballo da candidatura da Ribeira Sacra para incorporar novos perfís

Isabel Aguirre, directora da Escola Galega de Paisaxe; Felipe Criado, director do Incipit, e os catedráticos da USC, Lorenzo Fernández Prieto e Rubén Lois procurarán novos e complementarios argumentos e xustificacións que permitan conseguir o máximo recoñecemento da Unesco

A constitución deste novo grupo encádrase no compromiso da Administración autonómica co reforzo da candidatura en diálogo con Icomos
 

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia amplía o grupo de traballo da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial para incorporar novos perfís que axuden a buscar novos e complementarios argumentos e xustificacións co fin de conseguir o máximo recoñecemento da Unesco. Así se trasladou nunha reunión celebrada hoxe na Cidade da Cultura e que estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

Os novos membros que traballarán na reformulación da candidatura son Isabel Aguirre, directora da Escola Galega de Paisaxe da Fundación Juana de Vega; Felipe Criado, director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC; Lorenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, e Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidade de Santiago de Compostela.

As súas incorporacións, tal e como salientou o responsable de Cultura da Xunta, supón “un paso imprescindible na vía de diálogo con Icomos, órgano asesor da Unesco”. “A creación do novo grupo de traballo permite sumar a algúns dos mellores expertos patrimoniais de Galicia e marca un punto de inflexión na candidatura porque permitirá revisar o expediente e seguir avanzando co máximo rigor e calidade para conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial”, declarou.

Ademais de ampliar o equipo técnico, tal e como lembrou Román Rodríguez, o Goberno galego tamén vai intensificar o contacto coas administracións implicadas así como cos propios veciños. “Seguimos crendo no gran valor deste territorio e o noso propósito é inaugurar e ampliar un novo proceso de diálogo que permita intensificar a nosa estratexia e dar un novo impulso á candidatura da Ribeira Sacra”, precisou.
 

Imaxes relacionadas