A Xunta fai entrega de dúas vivendas de promoción pública no municipio de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, avanza a intención do Goberno galego de acometer o vindeiro ano o proxecto para construír outros 40 pisos no barrio de Garabolos

Lugo, 15 de novembro de 2021

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe no acto de entrega das chaves de dúas vivendas de promoción pública situadas no concello de Lugo. Trátase dun piso na rúa Aquilino Iglesias Alvariño, de 90,6 metros cadrados e con tres dormitorios, e un apartamento dun dormitorio e 58,5 metros cadrados na Avenida da Coruña, en Garabolos; ambos contan con garaxe e rocho e adxudicáronse en réxime de alugamento.

Arias lembrou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda conta cun parque residencial de 2890 vivendas no municipio, que xestiona a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). As persoas interesadas en optar ás adxudicacións deben inscribirse no Rexistro Único de Demandantes; o trámite pode realizarse tanto de xeito presencial como mediante a sede electrónica da Xunta.

Cómpre lembrar tamén que os orzamentos da Consellería para o próximo ano reservan unha partida de 351.000 euros para impulsar a construción de 40 novas vivendas de promoción pública en Garabolos.
 

Imaxes relacionadas