A Xunta apoia a potencialidade dos concellos para impulsar medidas nos seus territorios que referenden a acción climática de Galicia

Ángeles Vázquez salienta que o beneficio das medidas que adoptan as entidades pode multiplicarse, ao atallar e corrixir desde o eido local o quecemento global

Cita como como exemplo Vilamarín, que planificou unha batería de accións para conseguir un municipio máis limpo, sostible e verde e nas que implica aos veciños e ao tecido produtivo

A conselleira de Medio Ambiente indica que o traballo diario neste eido permitiu á Comunidade reducir un 23,8% as emisións de gases efecto invernadoiro, 32 puntos por debaixo da media estatal
 

Vilamarín (Ourense), 14 de novembro de 2021

A Xunta destaca o potencial dos concellos á hora de planificar medidas axustadas ao seu territorio e ás súas características, que reportan un gran valor á acción climática de Galicia.

Despois da súa participación na COP26, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta semana co alcalde de Vilamarín, o primeiro municipio de Galicia e o sétimo en toda España que asumiu como propios os novos obxectivos da UE en materia climática e que implican, entre outros, a consecución da neutralidade de emisións no ano 2050.

Na súa visita ao concello ourensán, Ángeles Vázquez salientou que as entidades locais, como administracións máis próximas ao territorio, son básicas e indispensables no deseño e execución de accións concretas, con gran capacidade para multiplicar a súa eficacia e eficiencia. Así, defendeu o papel imprescindible dos concellos na folla de ruta do Goberno galego para mitigar o cambio climático, coa que quere manter a posición de rexión referente a nivel europeo e mundial.

A conselleira felicitou ao Concello por converterse en pioneiro e por iniciar a súa propia estratexia “para facer de Vilamarín un concello máis limpo, sostible e verde”, co que se converte nun exemplo e referencia para os outros 312 municipios galegos.

Bos exemplos do Concello de Vilamarín

Durante a reunión, a conselleira coñeceu o traballo xa realizado polo Concello, como reducir os consumos de enerxía dos equipamentos e instalacións municipais, grazas ao cambio das luminarias instaladas hai 30 anos por unhas de tecnoloxía led; o uso de pellets para os sistemas de calefacción; e a instalación de placas solares en moitos dos edificios municipais, para xerar enerxía de autoconsumo.

A conselleira animou ao alcalde a manter este esforzo e este indicoulle que continuará con novos proxectos, nos que tentará implicar aos veciños e ao tecido empresarial. Nese sentido, o alcalde trasladoulle á conselleira que as accións máis inmediatas de Vilamarín son a instalación de puntos de recarga para os vehículos eléctricos; mellorar a envolvente térmica das vivendas e naves para converter o parque inmobiliario en elementos máis eficientes; ou ir substituíndo os vehículos municipais por eléctricos.

Vázquez Mejuto asegurou que estas iniciativas terán sen dúbida un efecto positivo na senda pola que avanza Galicia, que lle permitiu reducir as emisión efecto invernadoiro nun 23,8%, 32 puntos por debaixo da media estatal.

Por último, a conselleira fixo entrega ao Concello do Memorando de Entendemento Under2 ratificado na COP26 de Glasgow, para que Vilamarín manteña a súa acción contra o cambio climático na liña deste documento, co obxectivo de contribuír a manter o aumento da temperatura media global por baixo dos 2°C ao final deste século, pero co obxectivo de que non supere os 1,5ºC na medida do posible.
 

Imaxes relacionadas