A Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira avanza na sensibilización ambiental do alumnado cunha xornada sobre lixo mariño impartida pola patronal Cepesca

O taller, desenvolvido a comezos de mes no centro de formación dependente da Consellería do Mar, abordou as consecuencias sociais, ambientais e económicas da presenza de refugallos nos mares e a necesidade de que o conxunto da cidadanía colabore activamente na loita contra este problema

Accións deste tipo complementan o programa lectivo da escola, que inclúe formación dirixida á concienciación ambiental e á defensa de valores como a pesca sustentable, o consumo responsable de produtos do mar, o mantemento da biodiversidade e a protección do medio mariño no seu conxunto

Esta actividade formativa dá continuidade ao labor do Executivo galego na sensibilización do conxunto da cidadanía a través de campañas como Bye, bye plástico, o desenvolvemento de proxectos de recollida activa de lixo ou a participación en proxectos para coñecer o impacto dos residuos mariños e buscar o xeito de darlle valor

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2021

A Consellería do Mar traballa co obxectivo de aumentar a concienciación do conxunto da cidadanía sobre os danos que causa o lixo mariño no medio ambiente e, especialmente, entre as novas xeracións. Por iso, a formación nos centros de ensino náutico-pesqueiro da comunidade ten cada vez máis en conta a sensibilización ambiental e a protección do medio mariño tanto no ámbito do transporte marítimo como do sector pesqueiro. Neste contexto enmárcase un taller impartido a comezos de mes pola Confederación Española de Pesca (Cepesca) na Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, dependente da Consellería do Mar, para concienciar ao alumnado sobre as consecuencias negativas da presenza de refugallos nos mares do mundo.

A xornada enmarcouse no primeiro ciclo de conferencias impartido pola patronal pesqueira española ao abeiro do Programa para a sensibilización en residuos e lixo-Seayourlitter, que desenvolve coa colaboración da Fundación Biodiversidade a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Os relatorios desenvolvidos no centro de ensino de Ribeira abordaron distintos aspectos como as consecuencias sociais, ambientais e económicas da presenza de lixo nos mares e a necesidade de que o conxunto da sociedade colabore activamente para facer fronte a este problema. As actividades desenvolvidas -que tamén incluían a visita a praias para comprobar en directo a presenza de refugallos- contribuíron a concienciar, sensibilizar e divulgar entre os alumnos a importancia de loitar contra o lixo mariño e as súas consecuencias.

Este tipo de accións formativas veñen a complementar o programa lectivo do alumnado, que xa inclúe formación dirixida á sensibilización no eido ambiental e á defensa de valores como unha pesca sustentable, o consumo responsable de produtos do mar, o mantemento da biodiversidade e a protección do medio mariño no seu conxunto.

Outras accións

O labor desenvolvido nos centros de formación da Consellería do Mar dá continuidade ao traballo realizado neste ámbito en múltiples eidos, como o da investigación ou a recollida activa de lixo así como a concienciación do conxunto da cidadanía con campañas como Bye, bye plástico, dirixida especialmente á xente nova a través das redes sociais.

En canto á retirada de residuos do medio, o Executivo galego aprobou entre 2020 e 2021 un total de 14 proxectos promovidos polo sector pesqueiro para a recollida activa e pasiva de refugallos no litoral cunha axuda pública de máis de 600.000 euros. A estas accións, enmarcadas no Plan MarLimpo, engádense 57 plans de xestión de marisqueo da comunidade que inclúen entre os seus obxectivos a participación dos profesionais na recollida de refugallos mariños, o que mostra a concienciación dos profesionais do mar na loita contra este problema.

No eido da investigación, a Consellería do Mar tamén participou en outras iniciativas para estudar e coñecer o impacto do lixo mariño ou buscar xeitos de darlle valor como o proxecto CleanAtlantic, coordinado pola Xunta a través do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), o ML Style, de valorización de residuos mariños inorgánicos para a industria téxtil, ou Nada pola borda, que se desenvolveu hai xa dez anos e que é unha mostra do traballo da Xunta neste eido desde hai máis dunha década.

Imaxes relacionadas