A Xunta de Galicia reúne en Santiago a mozos e mozas de toda España participantes nos proxectos de voluntariado europeo

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, percorreu hoxe o último tramo do Camiño de Santiago en compañía de voluntarios procedentes de toda España, e mañá participará nunha mesa redonda organizada polo CES

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, percorreu hoxe o último tramo do Camiño de Santiago con persoas mozas de toda España asistentes ao encontro de voluntarios participantes no programa Corpo Europeo de Solidariedade (CES), que se celebra esta fin de semana en Santiago de Compostela. Un evento anual, promovido polo Injuve, que cada ano ten lugar nunha comunidade autónoma diferente e que este ano, coincidindo tamén co Xacobeo 2021-2022, organiza Galicia.

Esta iniciativa está enmarcada dentro das actividades do ciclo de formación e avaliación previstas no programa CES, e ten como obxectivo intercambiar experiencias entre os participantes, fomentar a creación de redes, reflexionar e avaliar as actividades levadas a cabo dentro dos diferentes proxectos, así como as competencias adquiridas; poñer en valor a experiencia do voluntariado nas persoas mozas participantes e dar a coñecer tamén as oportunidades que ofrecen estes programas de voluntariado europeo.

Dentro do amplo abano de actividades previstas para esta fin de semana, Cristina Pichel acompañou aos mozos e mozas voluntarios desde o Monte do Gozo ata o Obradoiro, camiño no cal os participantes aproveitaron para compartir as súas vivencias dentro do Corpo Europeo de Solidariedade. A directora xeral animou a seguir participando nestas iniciativas que permiten coñecer países e culturas diferentes, pero que tamén favorecen a empregabilidade xuvenil e o emprendemento.

Coñecemento das experiencias voluntarias


Mañá, a directora xeral participará nunha mesa redonda que estará formada por catro persoas voluntarias participantes no programa, que achegarán a súa experiencia en primeira persoa. Tamén se avaliarán as opcións de futuro para a mocidade tras a participación nestes proxectos.

Cómpre destacar que, no que vai de 2021, Galicia ten conseguido resultados significativos nas convocatorias dos programas Erasmus+ Xuventude e Corpo Europeo de Solidariedade. De feito, diferentes entidades galegas de ámbito xuvenil e de voluntariado levarán a cabo nos próximos meses un total de 16 proxectos, que suman un importe acumulado próximo aos 500.000 euros.

Imaxes relacionadas