A Xunta resalta o papel protagonista do enoturismo como elemento de recuperación do sector turístico

A directora de Turismo de Galicia destacou a relevancia desta tipoloxía de turismo, que encaixa perfectamente no novo escenario turístico poscovid ao impulsar experiencias turísticas en espazos abertos, en contacto coa contorna

Nava Castro clausurou unha xornada de reflexión sobre as oportunidades de desenvolvemento do enoturismo na Ribeira Sacra

Pantón (Lugo), 13 de outubro de 2021.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, clausurou hoxe a xornada de reflexión e intercambio de experiencias sobre enoturismo Ribeira Sacra. Unha viaxe ás emocións, na que participaron medio cento de persoas vencelladas á cultura, patrimonio e o enoturismo neste territorio.
A directora de Turismo de Galicia fixo fincapé na relevancia desta tipoloxía de turismo, que encaixa perfectamente no novo escenario turístico poscovid ao tratarse dun turismo en espazos abertos, en contacto coa contorna, sustentable e non masificado. “O enoturismo permítenos contar cun turista de alto valor engadido, que se interesa non só pola cultura do viño se non polo conxunto do territorio que visita, cos seus recursos naturais, culturais, gastronómicos e, en xeral, de lecer”, explicou, e que “prolonga a súa estadía nos destinos facendo un gasto maior ca outros viaxeiros”.
A través das Rutas dos Viños de Galicia e da marca paraugas Enoturismo Galicia o Goberno galego segue a propiciar o desenvolvemento dunha actividade xeradora de fluxos turísticos de calidade, especialmente importante na Galicia interior. Trátase dun turismo que encaixa perfectamente cos principios de desenvolvemento turístico trazados na folla de ruta do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, achegando dinamismo e riqueza ao medio rural, ao tempo que permite xerar oportunidades de emprego e conservar a cultura do viño axudando na construción dun novo modelo social e turístico, moito máis sostible, innovador e accesible.