Galicia exporá en Teruel o seu modelo de vivenda como peza clave para a vertebración do rural e a emancipación da mocidade

Ángeles Vázquez afondará nun foro sobre esta liña de actuación da Xunta, a través da que se puxo en marcha o programa de adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes dirixido a mozos, que cada ano acada mellores resultados

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia abordará a vindeira semana en Teruel o seu modelo de vivenda como peza clave para a vertebración do rural e, así mesmo, para facilitar a emancipación da mocidade.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, intervirá o vindeiro martes no Diálogo sobre o futuro da España despoboada, onde participará concretamente na mesa redonda dedicada a afondar na posibilidade de establecer un Pacto de Estado co que evitar a despoboación dos concellos rurais e máis pequenos.

Deste xeito, Ángeles Vázquez porá de relevo o traballo realizado ao longo deste anos pola Administración autonómica para facer atractivo e posible vivir no rural, onde o acceso a unha vivenda é unha peza clave á hora de decidirse por crear un fogar. Así o entendeu o Goberno galego e por iso puxo en marcha unha batería de medidas e incentivos para que os cidadáns que elixen o rural para vivir se vexan apoiados.

Entre os mesmos, destaca o programa de adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes dirixido a persoas menores de 35 anos, posto en marcha pola Xunta no ano 2018 e que cada convocatoria colleita mellores resultados. Ao abeiro das catro convocatorias xa pechadas (2018-2021) propiciouse a formación de 384 novos fogares en concellos pequenos e rurais grazas a un investimento de 2,6 millóns de euros, polo que se trata dunha iniciativa que dá mostra da loita do Goberno galego fronte ao despoboamento.

Desde a Consellería de Medio Ambiente considérase este foro unha oportunidade para trasladar os esforzos realizados polo Goberno galego, non só en materia de vivenda, senón tamén por ofrecer servizos básicos e necesarios como a xestión dos residuos, o saneamento e a depuración, a atención escolar e sanitaria, o acceso á cultura, así como facilitar oportunidades para o desenvolvemento dunha actividade económica sostible coa contorna, respectuosa coas paisaxes e con capacidade de crear emprego.
 

Imaxes relacionadas