A delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, presentou hoxe xunto a directora do certame, Lorena López, e o presentador Javier Castillo “Poty” a novena edición do Vigo Porté-I Trofeo de Baile Internacional presencial Vigo Xacobeo 21-22

A cidade de Vigo recupera o pulso como capital europea da danza da man do Xacobeo 21-22

Do 25 ao 28 de novembro 500 bailaríns de España e Portugal competirán por alzarse co máximo recoñecemento nas categorías de Mini-Infantil e Junior-Absoluta

Durante o evento impartiranse Master Class a cargo de destacados profesionais como Alfonso & Mónica, Arantxa Carmona, Christian Escurero ou Juan Polo

Vigo, 12 de novembro de 2021

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou hoxe a novena edición do Vigo Porté coa que a cidade de Vigo recupera o pulso como capital europea da danza da man do Xacobeo 21-22. Así, do 25 ao 28 de novembro 500 bailaríns de España e Portugal tomarán parte neste certame competindo por alzarse co “I Trofeo de Baile Internacional presencial Vigo Xacobeo 21-22”.

A representante autonómica celebrou que o Vigo Porté manteña un ano máis a súa cita na cidade pois, tal e como dixo, “trátase dun dos eventos de baile de maior relevancia a nivel europeo”. “É a hora de retomar os espectáculos en vivo e reivindicar o potencial de Vigo como epicentro da danza a nivel internacional. Chegou o momento de recuperar o pulso tras unha época profundamente difícil, marcada polas secuelas que aínda a día de hoxe deixa notar a pandemia”, aseverou.

“O Vigo Porté regresa con máis forza e máis ganas que nunca nun ano moi significativo para Galicia coa celebración deste dobre Xacobeo”, anotou, para engadir que “a partir de hoxe o certame escribe un novo capítulo, que non o derradeiro, na súa longa traxectoria co apoio do Goberno galego”.

Fernández-Tapias corroborou así o compromiso do Executivo autonómico con este “I Trofeo de Baile Internacional presencial Vigo Xacobeo 21-22” que reunirá a medio millar de participantes no Auditorio Mar de Vigo para disputarse o máximo recoñecemento nas categorías de Mini-Infantil e Junior-Absoluta.

Segundo dixo, “o respaldo da Xunta foi determinante para reter na cidade un certame que destaca non só pola súa proxección internacional, senón pola calidade artística e profesional dos bailaríns que nel participan e do xurado”.

“É unha aposta clara polo Vigo Porté, pola danza e por Vigo”, sinalou, durante o acto celebrado no Centro Comercial Vialia xunto á directora do certame e o presentador e presidente do xurado Javier Castillo “Poty”. Unha posta en escena que contou con actuacións de baile a cargo dalgunhas das escolas participantes e na que se proxectou o vídeo oficial desta nova edición.

Pola súa banda, a directora do Vigo Porté, Lorena López, agradeceu nomeadamente a Marta Fernández-Tapias a súa aposta particular por un evento que, apuntou, “pode continuar en Vigo grazas ao apoio do Xacobeo 21-22”. Extremo no que coincidiu Javier Castillo ao sinalar que “a colaboración da Xunta consolida o certame como o máis importante de Europa”.

Programa de actividades

Catro días de intensa actividade nos que se impartiran Master Class a cargo de destacados profesionais como Alfonso & Mónica, Arantxa Carmona, Christian Escurero ou Juan Polo.

Deste modo, o 25 de novembro terán lugar as Master Class de técnica de interpretación aplicada á danza, a cargo do actor e cantante, Christian Escuredo. Os días 26 e 27 será Juan Polo, ex bailarín profesional e profesor de danza clásica no Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma en Madrid, o que ofreza clases maxistrais de ballet. E este mesmo sábado, Arantxa Carmona, directora do Mariemma, impartirá unha clase de iniciación ás danzas tradicionais, Danzas Xogo, para os máis cativos.

Xa pola tarde, o día 27, dará comezo a competición da categoría Mini-Infantil do “I Trofeo de Baile Internacional Presencial Vigo Xacobeo 21-22” e do “2º Trofeo de Baile Internacional Online Vigo Xacobeo 21-22”. Ademais, os bailaríns profesionais de salsa e bachata, Alfonso & Mónica, ofrecerán unha nova Master Class.

O domingo 28 pola mañá, será a quenda dos bailaríns da categoría Junior-Absoluta, nunha última competición antes da celebración da Gala Vigo Porté 2021 na que se representará a coreografía gañadora e para a que están anunciadas moitas sopresas. O fin de festa celebrarase no local Corenta Vigo.

Todos aqueles interesados en asistir como espectadores aos diferentes actos e/ou ás Master Class que terán lugar entre o 25 e 28 de novembro poden facelo a través da páxina web https:// vigoporte.com.

Imaxes relacionadas