O presidente da Xunta acompañou este mediodía á Súa Maxestade o Rei Felipe na conmemoración do 40º aniversario da Confederación de Empresarios de Galicia

Feijóo apela á estabilidade e ao compromiso empresarial que fixo progresar Galicia como a mellor fórmula para encarar a reconstrución social e económica

Diante dos desafíos que implica este novo contexto, salienta que máis que debater sobre que, “o vital é acertar no como”

No caso da transición ecolóxica e enerxética, afirma que sería un erro estrepitoso se se deixa na estacada a 16.500 empregos de sectores estratéxicos como as electrointensivas, as centrais térmicas ou a cadea forestal por non planificar a chegada do novo paradigma, ou por non ter un ‘plan b’

Incide en que Galicia, da man da colaboración público-privada, conta cunha candidatura aos fondos europeos Next Generation para abordar esta transformación a través do impulso do hidróxeno verde, a produción de fibras téxtiles a partir de recursos forestais, a economía circular ou a nova automoción

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe á estabilidade e ao compromiso empresarial que fixo progresar Galicia como a mellor fórmula para encarar a reconstrución social e económica trala pandemia.

Durante o acto de conmemoración do 40º aniversario da Confederación de Empresarios de Galicia, ao que asistiu a Súa Maxestade o Rei Felipe, Feijóo recordou que desde o primeiro momento, Galicia soubo forxar un autogoberno de todos, con todos e para todos; “porque sen democracia, a empresa xoga nun terreo arbitrario, repleto de obstáculos e illado do mundo. Sen empresas, a democracia adoece do dinamismo e o benestar necesario para completar a liberdade. E sen estabilidade institucional, nin democracia nin empresas alcanzan a súa plenitude”, explicou, incidindo en que a Comunidade fraguou unha autonomía que proxecta o talento empresarial e cultiva as súas mellores fortalezas, sen necesidade de inspirarse en marcos alleos.
Nesta liña, salientou que se en 1981 Galicia era a terceira comunidade máis pobre de España, hoxe conta cunha posición de liderado en sectores como a pesca, o lácteo, o forestal, o téxtil ou a automoción. “Hoxe falamos dunha Galicia internacionalizada que pasa dos 836 millóns de euros de exportacións naquel ano a máis de 22.000M€ antes da covid; aberta ao mundo, cun incremento do 483% dos pasaxeiros nos seus aeroportos ou un 182% o tráfico de mercadorías; e máis emprendedora, pasando de constituír case 800 sociedades no ano que naceu a CEG, a preto de 3.800 o ano antes da pandemia”, engadiu.
Diante dos desafíos que implica a reconstrución, Feijóo aproveitou o acto para incidir en que máis que debater sobre que, “o vital é acertar no como”. Deste xeito, aseverou que, no caso da transición ecolóxica e enerxética, “erraríamos estrepitosamente se deixamos na estacada a 16.500 empregos de sectores estratéxicos como as electrointensivas, as centrais térmicas ou a cadea forestal por non planificar a chegada do novo paradigma, ou por non ter un plan b”.
Sobre este punto, aseverou que Galicia, da man da colaboración público-privada, conta cunha candidatura aos fondos europeos Next Generation para abordar unha reconstrución baseada na transformación ecolóxica e dixital, así como na cohesión social e territorial, xogando un papel destacado o impulso do hidróxeno verde, a produción de fibras téxtiles a partir de recursos forestais, a economía circular, a nova automoción, a eólica mariña, o investimento agroalimentario e a medicina personalizada.

Imaxes relacionadas