Xunta e Fundación “LaCaixa” lanzan o catálogo de ‘Percorrer o tempo’, a mostra itinerante que amosa a visión do Camiño de prestixiosos artistas visuais

O secretario xeral de Cultura, a comisaria do Xacobeo e a responsable territorial da Fundación “laCaixa” presentan a nova publicación que recolle a esencia da mostra

Tras o seu paso pola Coruña, a exposición, que transforma contedores de barco en salas de exposición, pode verse estes días en Lugo no marco da programación cultural do Goberno autonómico co gallo do Xacobeo 21-22

Participan creadores audiovisuais de percorrido nacional e internacional, entre os que figuran un Premio Nacional de fotografía e varios membros da Axencia Magnum
 

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, e a responsable territorial da Fundación “laCaixa”, Susan Santos, presentaron hoxe o catálogo da itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, a proposta expositiva que está a viaxar pola Comunidade galega e na que participan prestixiosos artistas do eido fotográfico.

Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o catálogo supón “deixar pegada desta mostra de excepcional valor, na que os artistas transforman contedores de barco en salas de exposición para amosar a súa particular visión sobre o Camiño”. Neste sentido, salientou a calidade dos artistas participantes pola súa “notable proxección” tanto do eido fotográfico como audiovisual, emerxentes e consolidados. Así, figuran profesionais como a presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur, ou a Premio Nacional de Fotografía Cristina de Middel, entre outros.

O catálogo -que estará á venda na librería institucional da Xunta- está composto por 11 caderniños e recolle a esencia da mostra expositiva na que 10 artistas ofrecen unha visión poliédrica e contemporánea do Camiño de Santiago e do fenómeno da peregrinación a través da súa propia experiencia. Trátase de artistas de primeira liña, cunha notable proxección, algún deles como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas.

Axencia Magnum

Así, figuran tamén a inglesa Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum; o portugués André Cepeda, o francés Michel Le Belhomme, a alacantina Cristina de Middel, que foi Premio Nacional de Fotografía, e o xienense Miguel Ángel Tornero. O docente e artista visual Nicolás Combarro é o comisario da mostra.

Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño exhibe traballos de fotografía e vídeo en seis grandes contedores de barco, dos que un serve como punto de información e os seis restantes como salas de exhibición. Tras o seu paso pola Coruña, a mostra permanecerá ata o 10 de xaneiro en Lugo, Praza Horta do Seminario. Continuará o seu percorrido por Ourense, Vigo e Santiago nunha itinerancia que remata en xullo de 2022.
 

Imaxes relacionadas