A Xunta licita por máis de 120.000 euros as obras da senda peonil na estrada autonómica AC-413 na Tablilla, no concello de Cerceda
Executarase unha senda na marxe esquerda da estrada de algo máis de 400 metros, cunha anchura de 2 metros e separada da calzada por un bordo, para reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos a pé dos veciños
A intervención, que tamén beneficia ao municipio de Tordoia, conta cun prazo de execución de 6 meses e suporá un investimento global de máis de 125.000 euros
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación desta actuación á que as empresas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 9 de decembro
Este luns, día 8, realizouse o acto de levantamento de actas previas á ocupación do único predio preciso para executar as obras, e está fixada para o vindeiro día 24 de xaneiro a formalización das actas e o pagamento dos depósitos previos
A Xunta continúa a habilitar, nas estradas da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sustentables e integrados na paisaxe
A Xunta licita por máis de 120.000 euros as obras para executar unha senda peonil na estrada autonómica AC-413, na entrada ao núcleo da Tablilla desde Ordes, no concello de Cerceda.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación desta actuación á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 9 de decembro.
O investimento que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará a esta actuación, que tamén beneficia ao municipio de Tordoia, supera os 125.000 euros, ao incluírse o pagamento do único predio necesario para a súa execución.
Este luns día 8 realizouse o acto de levantamento de actas previas á ocupación do predio preciso para executar as obras, e está fixada para o vindeiro día 24 de xaneiro a formalización das actas e o pagamento dos depósitos previos.
A intervención conta cun prazo de execución de seis meses e será financiada con fondos europeos REACT-UE como parte da resposta á covid-19, dentro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Máis concretamente, executarase unha senda na marxe esquerda da estrada de titularidade da Xunta, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+960 e 12+385, coa finalidade de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e dotar un itinerario peonil continuo ao longo da vía que facilite os desprazamentos a pé dos veciños.
Segundo o proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, o novo itinerario de algo máis de 0,4 quilómetros proxéctase en formigón cor terrizo natural e estará limitado da calzada por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho do itinerario será constante, acadando os 2 metros.
Nesta actuación inclúese a execución da rede de pluviais, rede de alumeado público, reposición de sinais e marcas viarias de bordo da calzada.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez, segue dando cumprimento ao seu compromiso de habilitar nas estradas da súa titularidade itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe.
De xeito complementario, a Xunta ten solicitado á Dirección Xeral de Tráfico a instalación de medidas para o control de velocidade na recta da Tablilla, de cara ao calmado de tráfico e ao reforzo da seguridade viaria nesa zona.